«Borneiro é unha auténtica enciclopedia da historia de Galicia»

f. rodríguez / Á. palmou CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Ana Garcia

Unha ruta pola parroquia cabanesa pecha hoxe o Simposio Dolmen de Dombate

28 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira edición do Simposio Dolmen de Dombate conclúe hoxe cunha última actividade que converterá a toda a parroquia cabanesa de Borneiro nun gran escaparate da arte e da cultura locais. Felipe Senén (O Carballiño, 1948), arqueólogo e museólogo, exercerá de guía de excepción por unha terra que coñece ben tamén dos seus tempos de técnico cultural da Deputación, posto desde o que exerceu un papel clave na recuperación do patrimonio de toda a Costa da Morte: desde ás Torres do Allo (Zas) ao Forno do Forte (Buño, Malpica) pasando polos Batáns do Mosquetín (Vimianzo) e, por suposto, Dombate. «Teño bos amigos e sempre estiven moi vencellado a esas terras de Soneira e Bergantiños», explicou onte nos micrófonos de Radio Voz Bergantiños.

-¿Que importancia xogan a arqueoloxía e a museoloxía no momento actual?

-Son dúas ciencias que aínda teñen que madurar moito neste país. No caso da museoloxía é a xestión dos museos: a cultura vende e a cultura dá votos, pero se a cultura non vende nin dá votos os que fracasamos somos nós. O piano toca se hai bo pianista, pero se hai un mal pianista escarállao, así que en moitos casos os que fallamos somos nós porque os recursos están aí.

-Moitos deles en Borneiro, como se poderá comprobar con esta ruta guiada.

-Borneiro é unha auténtica enciclopedia da historia de Galicia. Aí hai un monumento do megalitismo, de finais do neolítico, de hai máis de 6.000 anos, pero tamén hai restos dun artista da idade dos metais, e por suposto, ese castro que atraeu a tantos investigadores diso que chamamos, entre aspas, a cultura céltica; é un castro que é un auténtico auditorio do son dos pinos «de escuro arume arpado», ao fin e ao cabo este lugar de inspiración fixo que xurdira unha das persoas máis importantes da contemporaneidade: Eduardo Pondal. E non remata esa historia no megalitismo, na idade de bronce, na cultura dos castros, senón que en Borneiro houbo algún antigo mosteiro que chegou a depender de Moraime. Xa non queda vestixio diso, pero si queda a capela do Briño. E seguindo polo labirinto da historia tamén temos ao gran artista Manuel Lema (Manolo do Monte ou Manolo dos Pintos), ese pintor naif que foi premio internacional e que aínda está esperando un museo atractivo que se complemente con outros atractivos desta comarca. Esta ruta será unha clase itinerante entre amigos, lendo e recitando máis alá das aulas pechadas.

-¿Que opinión lle merece a solución adoptada finalmente para protexer Dombate?

-Que conxuga moi ben a tradición arqueolóxica dun monumento de hai 6.000 anos en pedra cunha gran obra de contemporaneidade como é esa gran carcasa de madeira feita polo arquitecto Vidal, que tan ben reivindica Cesar Antonio Molina no seu último libro, Todo se arregla caminando.

-¿Que se pode facer para mellorar a promoción de Dombate?

-Eu vou en moitísimas ocasións a Dombate con grupos de 40 ou 50 persoas e o que lle falta é un sitio onde tomar un café, un bocadillo, mercar un libro sobre o dolmen ou unha guía de Galicia, algo de música céltica, unha regueifa que estea gravada, as pandereteiras... En definitiva, un espazo onde expresar todo ese mundo cultural de Soneira e Bergantiños. Fáltalle un módulo como hai en Irlanda e nos países civilizados. Se non sabes hai que saber copiar e rendibilizar eses aspectos. Unha taberna típica dá vida, non é un esperpento, é un lugar de palabra e de venda. Iso é o que lle falta a este lugar e seguro que no futuro o terá. Irlanda está saíndo da crise precisamente pola súa promoción turística e cultural: venden os celtas, venden a cervexa; a música, a cerámica, os trisqueis e todas estas formas que sacaron da súa tradición e que nós temos aí para facer ás veces Cantareiras de Ardebullo e Tonechos, o esperpento e a degradación, que é o que non debe ser. Debe ser todo o contrario, dignificar, que é o difícil: facer dos canteiros o pórtico da Gloria, como dicía Castelo, non destruílo e rirse del.

A ruta.

Os participantes xuntaranse ás 16 horas en Dombate, para dirixirse cara a Cista da Insua, O Castro a Cidá e a Capela do Briñoseguindotamén a pegada de artistas como Manuel Lema Otero ou os canteiros da saga dos Martínez.