«O culturismo tenche que gustar, se non, é complicado competir»

MALPICA DE BERGANTIÑOS

CEDIDA

Chegou a disputar en Málaga a semifinal no campionato nacional da categoría Men´s Physique

30 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Deixou o fútbol por practicar o culturismo. Francisco Gundín Cerviño, Fran (Malpica, 1995) vén de competir en Málaga no campionato nacional de culturismo. Entre cincuenta participantes na categoría Men´s Physique, alcanzou as semifinais cos quince mellores da proba.

-Así que deixou o fútbol polo culturismo.

-Certo. Comecei a xogar aos 5 anos no Luís Calvo Sanz e estiven hasta os 19. Despois do Luís Calvo estiven no Bergantiños, Vitoria, Ordes e rematei novamente no Bergantiños. Xogaba de dianteiro centro ou no medio de campo.

-¿E como foi o cambio?

-Moi sinxelo. Probei no ximnasio Vital Fitness e gustoume tanto que decidín deixar o balompé e dedicarme plenamente a este novo deporte.

-¿Qué é o mais complicado de todo, na súa opinión?

-O mais importante é ter ben a cabeza, porque é un deporte no que traballa moito a cabeza precisamente. É duro e hai que ser moi constante. Levo catro anos practicando, pero de forma seria os dous últimos. Tes que levar una dieta estrita e adestrar sete días a semana. É duro. O culturismo tenche que gustar, se non, é complicado competir.

-¿Que fases hai que pasar?

-A primeira é de volume. Eu, cando empecei (mido 1.70), pesaba 50 quilos e cheguei a máis de 70. Despois vén a definición. Se na primeira debes de comer moito, na segunda todo o contrario, para poder marcar ben os músculos do corpo e así poder participar nos campionatos.

-¿Unha das claves pode ser o seu adestrador?

-Para min foi determinante. Cristian Álvarez, ademais de ser o meu adestrador, éo todo. A última semana da competición fun vivir con el, porque é o momento máis complexo da preparación.

-¿Require moitos sacrificios?

-Sen a menor dúbida. No podes ir de festa cos teus amigos, non podes comer o que queres. Son moitos sacrificios, pero falo porque che gusta. Se non, sería moito más complexo poder estar así.

-Presumirá na praia...

-Non, non. Que va. Dende que estou metido neste deporte teño máis vergoña. No me gusta exhibirme. Outra cousa é a competición en si. Aínda que costa. En Málaga o campionato celebrouse na Plaza Mayor e alí déronse cita unhas 3.000 persoas.

-¿E agora, que?

-Vou seguir, pero ata o ano que vén non volverei competir. Apaixóame o culturismo, e canto máis tempo levo, máis me gusta. En fútbol era moi diferente. Un día podías fallar ao adestramento, pero aquí debes de ser moi disciplinado e ter moita forza de vontade. É un deporte solitario e iso, dende logo, é un problema engadido. Pero como me gusta motívome máis e fágoo sen pensar en tanto sacrificio.