«Será algo especial, unha das informantes do disco é de Beo»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCÍA

Xabier Díaz estará hoxe acompañado polas Adufeiras de Salitre

26 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xabier Díaz di estar feliz. Está sendo un verán moi bo co disco The Tambourine Man e coas Adufeiras de Salitre. Onte ía camiño de Málaga, hoxe (23.00) actúa en Malpica e, mañá, en Cambados. No concerto desta noite estará o equipo ao completo: Xabier Díaz e todas as Adufeiras.

-¿Algunha novidade prevista para este concerto en Malpica?

-Imos facer o último disco [The Tambourine Man], pero a maiores ampliamos o repertorio en catro temiñas cos que completamos o directo [por exemplo, un Agarrado de Vilar de Cabeiras]. No disco penso son 11 e estes catro deunos tempo a traballalos dende que o preparamos. Incorpórase un elemento que non había, a gaita.

-Será especial o seu paso por Malpica nalgún sentido?

-É especial porque unha das informantes do disco é de Beo, de Malpica. Chámase Teresa [refírese a Teresa de Feles: cumpriu 93 anos o pasado 1 de agosto]. É un detalle bonito e entrañable. Teresa veu ademais á estrea do disco, no Teatro Rosalía de Castro. Alí cantou ela un pouco, para delicia do Teatro. Démoslle un ramo de rosas. Para o concerto de Malpica dareille un timbrazo á familia, a ver se a poden levar... Son xa anos. Para min representa dalgunha maneira a última xeración, ou das últimas, que conservan ese acervo da bisbarra. É unha zona moi sensible a efectos folclóricos, cunha maneira de tocar e cantar especial. As Adufeiras veñen sendo como as depositarias deste patrimonio e elas téñenlle ademais moito cariño a esta xente maior, como Teresa. O meu papel pode ser só de transmisor. É curioso. Debín de estar con ela hai 4 ou 5 anos. Na súa casa fixen unha gravación. Despois, hai un ano, pasei azarosamente pola zona e deume por ir ata alí. Estaba na eira. Daquela xa tiña feito un máster do seu pasodobre. Púxenllo no coche e recoñeceuno perfectamente. Botouse a cantar.

-Está sendo un verán moi bo.

-É verdade, e estou feliz. Que siga así. Seguimos traballando coa ollada posta, para o ano, en intentar saír algo máis do país