Santo Hadrián chama polos romeiros

Xurxo Alfeirán Chouciño

MALPICA DE BERGANTIÑOS

foto vidal. malpica en fotos / xurxo alfeirán.

Celebrarase o vindeiro domingo. O santo é -contan- avogoso das enfermidades do gando e das persoas

14 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«A san Adrián/ da beira do mar/ non sei vai por terra/ que se vai por mar», reza a cantiga malpicá sobre a tradición perdida cara finais dos 60 do pasado século na que algúns mariñeiros, no afán de gañar o apoio do santo, percorrían en barco as dúas millas que separan o porto de Malpica do coído da Galla para acudir agradecidos á senlleira romaría. Non en van, a ermida do santo, ubicada no cabo homónimo, mira a un mar que alimentou xeracións de pescadores.

O lugar é un espazo natural privilexiado pola abundancia de flora e fauna en especies mariñas peláxicas e autóctonas, e pola panorámica que ofrece en día claro sobre as illas Sisargas e o litoral -en largacío- de Malpica, praia de Razo-Baldaio, Caión, Torre de Hércules, bocana da ría de Ferrol, cabo Prior e os montes da Capelada.

A romaxe celébrase o 16 de xuño se cadra domingo; se non, o domingo seguinte. Coa alborada acuden os romeiros á igrexa parroquial de Malpica para oír a primeira misa. Rematada esta, saen en procesión, presidida polo cura, as imaxes dos santos Hadrián e Natalia -súa dona- levados en andas por ofrecidos, acompañados de devotos portadores de cintas atadas aos santos e multitude de asistentes con exvotos en ofrenda que percorren os tres quilómetros ata a ermida ao son dunha banda musical e de abundante foguetería. Catro misas máis son celebradas no recinto do santuario antes do xantar campestre para retornar pola tarde, de novo en procesión, á parroquial malpicá onde terá lugar a derradeira misa.

A romaría sole estar moi concurrida porque santo Hadrián é avogoso das enfermidades do gando e das persoas. Para sandar dun mal corporal, a xente merca exvotos de cera (pernas, mans, cabezas, velas?) que entrega ao santo despois da misa. Hai quen se ofrece andando varios quilómetros ata a ermida e hai quen o fai de xeonllos. Outros romeiros acoden á auga da fonte milagreira, que está preto da ermida, para eliminar verrugas e vultos aplicando un pano mollado desa auga e deixándoo secar colgado do salgueiro lindante; unha vez enxoito o pano, o mal desaparece. E antigamente era moi frecuente levar o gando vacún ata o santuario para liberalo dun mal. Tamén se doaban animais sans (polos, galiñas, carneiros?) para unha curación. E un rito xa en desuso era baixar o santo, no que o sacristán daba a bicar o santiño despois de tocar a parte enferma do devoto

Existe a crenza popular de que santo Hadrián tamén é vengativo coa xente que incumple as súas promesas ou que vai contra seus designios. Moitas son as historias que se contan con resquemor nese senso, sendo a máis relevante a do cura malpicán Santiago Abuelo quen, en 1946, morre de maneira rara por querer trasladar o santuario do santo ao lugar de Canido, máis preto de Malpica.

Da antigüidade da ermida hai constancia a partir do século XV dispoñendo daquela de confraría propia. No 1607, o coengo santiagués Jerónimo del Hoyo tamén a cita. Datos da parroquial malpicá mencionan obras nos séculos XVII e XIX. Na década de 1950, o cura Benigno Rocamonde Carril ampliou a ermida cun altar exterior cara o campo do adro para facilitar os actos relixiosos, moi concurridos daquela. Na década do 1960, o mesmo cura ampliou e elevou o valo do adro para dar máis capacidade ó recinto e reducir o balbordo da festa profana que interfería nas celebracións relixiosas.

Finalidade do lugar

Cabe preguntarse que finalidade tiña unha ermida tan lonxe dos núcleos de poboación. A lenda di que na zona había unha praga de serpes e que, ante a petición de axuda por parte dos nativos, o santo pisou unha converténdoa en pedra e afogando as demais no mar. E alí, na ribeira do portiño da Galla, preto da ermida, quedou petrificada a figura desa serpe e dúas pegadas do santo -o Pé e a Taza- incrustadas na rocha. Pero esta lenda de tradición cristiá esconde a realidade -sabemos hoxe- de que nese lugar (por ser estéticamente panorámico, alto, saínte ao mar, cun manancial, etcétera), houbo desde tempo inmemorial unha tradición pagá onde aqueles primitivos nativos se xuntaban para celebrar ritos festivos. E a Igrexa -sabia e prudente- en vez de desterralos, soubo adaptalos dándolles un senso cristiá. Hoxe, a romaría é eminentemente relixiosa, aínda que ten os seus momentos festivos entre a última misa e a volta do santo en procesión a Malpica. Nese tempo hai música, baile, xantar campestre levado da casa ou adquirido alí no chiringuito da comisión dos de Seaia. Non faltan de postre as cereixas e as rosquiñas do santo. Pero cada vez son menos os grupos de amigos e familiares arredor dunhas cestas cheas de viandas como foi tradicional ata hai ben pouco. Recentemente foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.