A poesía sube de ton coa nova edición do certame Illa Sisargas

Á. P.

MALPICA DE BERGANTIÑOS

<span lang= gl >Paco de Tano e Eduardo Para presentaron onte as bases do certame</span>
Paco de Tano e Eduardo Para presentaron onte as bases do certame . JOSÉ MANUEL CASAL< / span>

O Concello malpicán e a asociación Caldeirón convocan a undécima edición do premio erótico

24 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Con dez edicións as súas costas, e a undécima xa en marcha, o certame de poesía erótica Illas Sisargas pode presumir dunha traxectoria consolidada e un brillante futuro por diante.

«Nesta 11ª. edición xa entramos na adolescencia, e iso quere dicir que medramos», explicou onte Paco de Tano, presidente da asociación cultural Caldeirón na presentación da nova convocatoria deste certame que cada ano sube un pouco a temperatura aos versos do país. «Hoxe por hoxe -engadiu- podemos dicir que é unha colección que non hai en ningún outro sitio de España e non sei se a nivel europeo. En España somos un referente e no eido da literatura galega xa non digamos».

Unha vez máis, a asociación conta co apoio do Concello de Malpica, representado no acto de onte polo seu alcalde, Eduardo Parga. «Cremos nesta iniciativa e esperamos que siga indo a máis, como ata agora», apuntou o rexedor, quen lembrou que o certame naceu durante a súa etapa como concelleiro de Cultura. Parga reafirmou o seu compromiso co certame «para que as persoas que fan este tipo de literatura teñan un foro no que expresarse e nós poidamos darlles o noso recoñecemento».

Inscrición e premio

O prazo para entrega dos orixinais empeza hoxe e estará aberto ata o 30 de setembro. Os traballos deben ser obras de temática erótica, escritas en galego, inéditas e que non teñan recibido outros galardóns. A súa extensión non debe superar os 600 versos e deberán presentarse por triplicado e baixo lema.

Un representante do Concello, outro da asociación Caldeirón e o gañador da última edición, Mário J. Herrero Valeiro (que logrou o premio con A razón do perverso) serán os integrante do xurado que terá que decidir o nome do gañador. Este levará un premio en metálico de 1.000 euros e verá como o seu poemario é publicado pasando así a formar parte da colección Caldeirón, na que tamén figuran, ademais de Herrero, Antonio García Teijeiro (Arredor do teu corpo), Alberte Momán (Baile Átha Cliath), Emma Pedreira (Xoguetes póstumos), Elí Ríos e Eduardo Estévez (Rúa da cancela), María Lado (Amantes), Elvira Riveiro (Carnia Haikai), Mercedes Leobalde (Chámademe Eva), Ramón Neto (Dominio público) e Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán (O episodio).

O nome do gañador desta undécima edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas darase a coñecer -como é xa tradición- no transcurso da Cea das Letras, que se celebrará en novembro e que habitualmente vén precedida da presentación do volume publicado do ano anterior.