Recunchos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

MALPICA DE BERGANTIÑOS

04 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Contalo ou non contalo? É a dúbida habitual de que facer cos sitios dunha beleza extraordinaria da comarca, que se multiplica aínda máis pola singularidade de que seguen relativamente esquecidos e só os coñecen os habituais. Os que son veciños ou visitantes de cotío non queren que se saiba; os que chegan de fóra e os descobren non entenden como non son portadas de revistas de viaxes. Eu prefiro un termo medio, que é deixar que as cousas vaian polo seu camiño, e o que teña que ser, será.

Penso nas praias de Cambre, en Malpica. Si, vale, relativamente coñecidas, pero, agás no verán -e tampouco tanto-, vai moi pouca xente. Surfistas, veciños, paseantes estraños. Area, ondas, pedras negra, calas, covas, cantís. Cara Razo e cara Cerqueda, o mesmo.

Ou o cacho que vai de Caión á Arnela, xa en Carballo. Como estivo moitos anos sen pista, nin sequera a de zahorra que ten agora, só ía a xente a cortar o mato, se ía, e algúns pescadores. Aínda se percibe esa tranquilidade. Onte, cando caía o sol, nun tramo de cinco quilómetros, co mar batendo forte sobre rochas que lembran moito ao norte da Bretaña, só había unha persoa disfrutando da paisaxe case de temporal, quen o diría co ceo tan limpo como estaba. Igual había máis, pero estarían agochadas. Porque sitios cara onde meterse hai.

Existen moitos máis lugares así. Na costa de Cabana tamén. E preto de Touriñán. E de Niñóns. E de Nariga cara abaixo. Por citar algo. Temos paraxes únicas que aínda o seguen sendo. Co aumento do turismo, a ver ata cando. Pero pregunto o de antes: ¿É mellor ou peor que se saiba? De momento, o mellor é telos.