Entroido

Vicente de Lema ONDA MAINA

LAXE

23 feb 2017 . Actualizado a las 21:40 h.

tempo vai virando as cousas. Ata o punto de que moitas delas fanse case descoñecidas cos anos. Unha delas é o entroido. Mudou moito nos dous últimos decenios. Agora hai moita comparsa, colorido, música ... O artificio é o que máis abonda. Por iso teñen tanto valor actos coma os Madamitos e Ghuardineros de Cerqueda ou a A Mikaela de Buño porque gardan grande doses de orixinalidade. As actividades actuais non teñen nin punto de comparanza coa dos últimos anos do franquismo. Daquela o entroido era case subversivo. Nas aldeas, os rapaces e os mozos vestían prendas que ían quedando esquecidas polos roupeiros. As carautas facíanse con calquera cartón que se atopaba. O caso era facerse irrecoñecible. O fracaso dun varredoiro era que o identificasen. Vellas casacas do tío ou do pai de cando fixera a servizo militar, unha sotana dun parente crego, gabáns abandonados e así. As comparsas mal amañadas percorrían os lugares, cantaban coplas ou bailaban e, a cambio, recibían filloas, orellas ou viandas propias deste tempo, e con sorte, algún peso. É célebre o caso dun grupo de mozos que lle marcharon co burro a un aragonés afincado en Laxe que andaba arranxando potas, paraugas e limpando chemineas polas aldeas de Soneira. Levaban a cabalgadura como reclamo e enchérona de filloas ata o punto de que o animaliño debeu sufrir un forte empacho. As frituras non lle deberon acaer ben. Os síntomas indicaban una gravidade severa do ruzo, que, para sorte dos autores andrómena, deuse recuperado, pero o susto aínda non o esqueceron.