Unha voz da Costa da Morte na Academia

marilar aleixandre

LAXE

XOAN A. SOLER

A escritora Marilar Aleixandre ingresou o sábado na Real Academia Galega e fíxoo cun vibrante discurso («Voces termando na paisaxe galega») no que defendeu a paisaxe e o feminismo, pero tamén a importancia que a Costa da Morte -á que está directamente vencellada, a Toba-Cee, por motivos familiares- ten para ela dende un punto de vista persoal e literario, e que impregna parte da súa obra. Tamén Fina Casalderrey, na súa réplica, incidiu: «A curiosidade científica e a presenza do mito, a perspectiva de xénero, a influencia do mar, a Costa da Morte...» son unha preocupación constante desta autora «nada dúas veces: en Madrid e en Vigo»

17 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora e bióloga Marilar Aleixandre desenvolveu numerosos aspectos relacionados coa Costa da Morte. Os que seguen son extracto do seu discurso, pronunciado no paraninfo da Universidade de Santiago.

Os primeiros libros, a casa de Toba

«En Vigo, na casa de Antía Cal, escoitei por vez primeira un poema en galego, ¡Meu carriño! de Ramón Cabanillas, recitado por Antón Beiras Cal, e Antón, nunha visita a Madrid, tróuxome os dous primeiros libros que lin en galego, O atraso económico de Galicia, de Xosé Manuel Beiras e Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro. Isto antes de me instalar en Galicia e mergullar en Toba na familia do meu compa-

ñeiro, Ramón López Facal. Aos Facais debo non só a aprendizaxe da lingua, senón tamén un imaxinario da Costa da Morte por min roubado na Casa de Toba, como

recoñezo en poemas de Catálogo de Velenos e Desmentindo a primavera. Debo ser a primeira persoa investigadora da educación na Academia, mais tamén a primeira integrante do Batallón Literario da Costa da Morte, que forneceu o contexto para

eu escribir poemas».

Parga Pondal, Laxe, xeoloxía, O Pindo

«Invoco aquí Isidro Parga Pondal quen, no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega o 25 de xuño de 1960, describe o Ollo de Sapo narrando como seguiu paso a paso a cicatriz ao longo de 220 quilómetros da Ría do Barqueiro, pola Serra Faladoira, As Pontes, Serra da Loba, Monterroso, Chantada e O Bolo. Parga Pondal considéraa un horizonte guía de grande valor xeolóxico. Se o substrato da paisaxe son as rochas, temos unha inmensa débeda con Parga Pondal, o cartógrafo que levantou precisos e rigorosos mapas da complexa xeoloxía galega, facéndoo nas máis difíciles condicións, logo de ser purgado pola ditadura.

Vinte anos despois deste discurso, o 23 de novembro de 1979, tiven a fortuna de escoitar a Parga Pondal, quen, na inauguración da Segunda Etapa do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, acollido en Sargadelos por Isaac Díaz Pardo, ante unha audiencia constituída en grande medida por profesorado de secundaria, dicía: se encuentran, también aquí, nuevas caras que me hacen pensar en un futuro esperanzador para la geología de Galicia, pues al verlos, también llenos de entusiasmo,estoy seguro de que sabrán recoger la antorcha y llevarla constantemente hacia adelante (Parga 1980: 11).

Temos pois a responsabilidade de levar o facho que nos entregou don Isidro, coñecer a xeoloxía de Galicia e tamén preservar ese patrimonio, a materia prima coa que se moldea a paisaxe. Mais o patrimonio xeolóxico, trinta e cinco anos despois das palabras de Parga Pondal, está suxeito a ameazas, tanto para as rochas como para os solos ou as paisaxes singulares. Así os cantís do Pindo:

Acaso vos pregunten algún día/ que quixemos dicir en tanto sol,/ cando un monte se tinxe de arrebol/ frente ao mar, frente a un deus en agonía./

Que quixemos ver nós nesa ardentía/ chamando pola noite do alcohol,/ no entrelazo das aves, no oureol/ dos granitos; que turba compañía/ estremou os penedos con valados, / mirou lobos nas illas, revolveu/ nas cavernas os ventos abismados.

Velaquí as voces da paisaxe na Costa da Morte, os lobos enxergados nas illas, os granitos rachando a tona da terra, o bruar dos ventos abismados que escoitou Xavier Baixeras nun Crepúsculo ao pé do monte Pindo».

A Fervenza do Ézaro

«Da música silenciada do Pai Miño á voz ‘inxente e rouca’, en palabras de Miro Villar, da Fervenza do Xallas, a única desembocadura en cachoeira de Europa, o único río que no canto de ir descendendo suavemente precipítase desde os altos penedos do Pindo. De novo tiro da experiencia persoal desde Toba. O pai do meu compañeiro, o médico Juan López de Toba, nacido en 1906, lembraba escoitar cando neno o bruar da auga debruzándose no mar. A voz tronante da fervenza atravesaba os nove quilómetros de distancia entre O Ézaro e Toba. Até os anos 1950, antes da construción da ponte do Ézaro, o río só se podía cruzar en barca.

Mírote con desexo sexual que xa rebenta/ do xeito que a fervenza do Xallas baixa louca/ con estrondo bradante de voz inxente e rouca.

Porén, desde entón catro encoros, Castrelo, Ponte Olveira, Fervenza e, en 1980 o último, Santa Uxía, amordazaron a voz do Xallas, intubárona en canles de ferro e cemento, apreixoaron as nubes, deixando ceiba unicamente parte da auga, uns fíos comparados co caudal que posúe. No Val de Santa Uxía o asolagamento fixo desaparecer o máis grande bosque de acivros da costa, así como lugariños e topónimos que lembraban os barqueiros. Cumpriría harmonizar o aproveitamento de recursos naturais co respecto a paisaxes únicas».

O Batallón Literario, Nunca máis

«Rexistro aquí a miña débeda co Batallón Literario da Costa da Morte, de existencia breve máis escintilante sen o que, probabelmente, non tería percorrido o camiño da narrativa á poesía. A escrita dos poetas que pertenceron ao BLCM está ancorada na áspera paisaxe de Fisterra, Mar de Fóra, Touriñán ou Rostro. No poemario As crebas, Miro Villar é quen de articular a imaxinería da Costa da Morte cun distanciamento crítico e mesmo irónico: Non lle agradezas nunca aos deuses que viñeses até o final da terra porque aquí están as portas do inferno, nesta charca ábrese o labirinto que leva inexorable deica a profundidade, ese abismo de culpa, tómbolo de silencios contra aquel mar de fóra que te recibiu calmo nas mareas diuturnas do acolledor setembro.

Unha e outra vez o mar galego é ferido pola gadoupa da marea negra. A poesía galega, parte do movemento Nunca Máis, ergue a voz contra a do Prestige no libro Negra sombra, ao que pertence este poema de Xela Arias [...]

Lingua e toponimia

«Sería unha mágoa deixar perder xoias coma estas, cómpre gardalas da mesma forma que gardariamos un torques de ouro castrexo que, con todo, quizais teña máis posibilidades sendo material de chegar até nós que unha palabra anterior ao século XI. Coincido con Anxo Angueira en que a toponimia é unha teima. Nun poema do meu libro Ovella descarreirada, os topónimos da Costa da Morte exercen a resistencia, As Escaselas refusan ser A Curva da Anchoa: os topónimos arrepóñense/ teiman en seguir vivos/ malia non estaren gravados/ en metal nin pedra / senón inscritos na memoria/ cando sopra o Nordés oulean Tallo do Vao, Cernado, Mallou/ Rego Mar, Cantorna, A Croa/ A Grixa, Chorente, Monte Rou/ As Laxes, Rebelle, Figueiroa.

A documentación da microtoponimia precisa de agarimo. Mesmo entre os rexistrados hai confusións. Valentín Arias contoume que na Vilerma o equipo que entrevistou a xente do lugar transcribiu no canto de Xistal (lugar de xistos) Xestal (lugar de xestas). A Pedra de Sete Grixas, a bica do Monte de Toba, usada como fito polos mariñeiros, aparece nos mapas como Sete Grises, topónimo improbábel. Segundo Juan López de Toba o nome de Sete Grixas referíase ás sete igrexas das parroquias que se enxergaban desde ela antes das plantacións de piñeiros e eucaliptos interromperen a vista: Toba, Cee, Sardiñeiro, Fisterra, Lires, Frixe e Pereiriña.

Ao contrario que en Grises, Galicia é abondosa en Grixas».

A resposta ao seu discurso de Fina Casalderrey

«En Toba, en Cee e neses lugares onde «a Morte non leva gadaña, senón bicheiro», alimenta Marilar parte da súa imaxinería literaria. Alí adquiriu o «chuspe

do galego» por inmersión na tribo dos López Facal. «Caer en Toba foi mergullarme nun caldeiro no que fervía a cachón o galeguismo», asegura. Alí sitúa historias como A formiga coxa ou Lobos nas illas e poemas como Catálogo de velenos ou Desmentindo a primavera. Alí, nos anos noventa, formou parte dese Batallón da Costa da Morte. Todos poetas, que se xuntaban para recitaren os seus respectivos poemas, agás a transgresora Marilar que lía un fragmento dalgún relato».

Edición do texto: S. G. Rial

«A voz tronante da fervenza atravesaba os 9 quilómetros de distancia entre

O Ézaro e Toba»