Dous grupos de Laxe e Cee optan no Teatro Colón ao primeiro premio Quero Cantar

La Voz

LAXE

Colaxe e o Colexio Manuela Rial Mouzo participan esta tarde na gala do certame provincial

28 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 18.00 horas • Teatro Colón • A Coruña • A primeira edición do concurso Quero Cantar, posto en marcha pola Deputación da Coruña para incentivar a creación musical en galego, chega hoxe ao seu fin coa gala na que se decidirá o gañador.

Entre os cinco finalistas que pasaron as roldas previas e que interpretarán as súas composicións no Teatro Colón están dous representantes da comarca: Colaxe, grupo formado en Laxe no que Elsa, de 7 anos, interpretará o arrolo Durme, Elsiña, que o seu pai e guitarrista, Fernando Paredes, lle compuxo cando era pequena; e o Colexio Manuel Rial Mouzo, formado por alumnos do centro escolar ceense que, animados polo seu mestre de música, José Carbia, prepararon o tema Soños.

Isabel Risco conducirá a gala, na que participará Pablo Díaz e Tic-tac-toc. Cinco nenos, de educación primaria e con formación musical acreditada, serán os encargados de decidir o gañador, que gravará un videoclip e recibirá, ao igual que os outros finalistas, 300 euros para material musical. Os temas de todos eles e dos outros cinco grupos que foron eliminados na rolda previa serán incluídos nun cedé.