Sobre o PSOE de Laxe

Xoán Sande TRIBUNA ABERTA

LAXE

04 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O BNG defendeu sempre a necesidade dun goberno estable en Laxe, baseado nos principios de transparencia, democracia, participación, e que fose moi rigoroso coa xestión dun Concello que se atopa nunha situación económica crítica. O BNG mantivo reunións co PSOE buscando un acordo, pero dende logo o BNG tiña claro que non ía entrar no goberno a calquera prezo. Na segunda xuntanza o BNG entregou unha proposta por escrito, na que se prantexaban as condicións programáticas para formarmos ese goberno. O PSOE non fixo ningunha proposta concreta, non existiu ningún documento nin chegou a formular proposta concreta algunha de organización ou liñas de actuación. O que indica que non houbo vontade do PSOE de chegar a un acordo de goberno co BNG e unicamente interesaba o noso voto favorable na investidura.

Desde logo as propostas do BNG non son estrafalarias nin desproporcionadas. O que puxemos enriba da mesa no documento entregado ao PSOE era unha proposta programática para xestionar Laxe desde a transparencia e a democracia, a necesidade de facer unha auditoría, e tamén de abordar dunha maneira diferente a xestión das obras, das que existen numerosas queixas, que non se incrementasen os custos en adicacións nun Concello que está nunha situación crítica (para o que propuxemos unha adicación completa para o alcalde e dúas medias dedicacións, unha para o PSOE e outra para o BNG), xestionar as áreas de Promoción Económica e Benestar Social e a segunda tenencia de alcaldía. O BNG renunciou á petición inicial de xestionar Obras, renunciou á primeira tenencia de alcaldía pola segunda, propuxemos un salario inferior para a media adicación que nos correspondería. O PSOE non se moveu das posicións iniciais e non fixo ningunha proposta concreta en ningún momento. ¿Onde están as exixencias estrafalarias e desproporcionadas?

O BNG non veu a este mundo para entregarse ao PSOE nin a ninguén, temos o noso proxecto político e temos propostas para cada concello, e dende aí estamos dispostos a chegar a acordos, pero non a calquera prezo.