Filosofía profunda

Vicente de Lema ONDA MAINA

LAXE

09 jun 2015 . Actualizado a las 23:10 h.

Os cemiterios gardan máis sabedoría que os libros dunha carreira enteira. Nesa rede social do silencio hai grandes ensinanzas, pero hai que escoitalas. E non me refiro a estas frases que presiden, por poñer un caso, o pórtico da necrópole de Tines: «El cuerpo según lo veis y el alma, según obreis». Na veciña de Bamiro veñen a dicir o mesmo, pero doutro xeito: «Como te ves me vi. Como me veo te verás». A mensaxe está clara. Non vén a ser máis ca outras versións do: «Polvo es e en polvo te converterás».

Mais non fan falta letras para mergullar os pensamentos nas profundidades que inspiran as moradas dos devanceiros. Cóntanme que, aínda non hai moito, un veciño de Laxe non tiña reparo algún en durmir a pé da tumba dalgún amigo finado cando ía a unha festa e quedaba sen recursos para volver para a casa. É máis, tiña de orgullo confirmar deste xeito a súa lealdade coas persoas ás que lle tiña lei.

Nas zonas rurais era moi rica certa literatura oral que viña a humanizar o misterio da morte e máis de todo o que ocorría nos cemiterios. É así que había moita familiaridade co último transo e cos camposantos ca na actualidade. Contaban na miña aldea que un veciño adoitaba agocharse nos nichos do cemiterio para ir de noite a cambiar o curso da auga para regar, cando eran os outros os que tiñan a quenda. En troques agora moita xente necesita psicólogos diante dunha traxedia ou a morte dun ser próximo.

Os cemiterios son o lugar onde, dende sempre, máis bágoas se verten, tal vez porque aí si que nacen no manancial do corazón impulsado pola dor. Na Costa da Morte, estes recintos tamén revelan grandes historias. No de Cee hai lápidas que testemuñan un naufraxio inglés. A viúva e máis o fillo do capitán do Adelaide, que no inverno de 1850 foi a fondo preto da praia de Laxe, teñen a sepultura non garaxe xunto á igrexa do pobo. Ou as sensacións que lle espertan a un só con pensar o medo expresado nos ollos dos 172 soldados británicos aquela noite de temporal de 1890, na Punta do Boi, onde moran.