Mascarón de proa

Modesto Fraga A LUZ DA FIN DO MUNDO

FISTERRA

10 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos anos poucos concellos de Galicia fixeron tanto pola consolidación da súa posición nuclear no ámbito da promoción turística coma Fisterra. Hoxe en día o noso municipio é un referente turístico de primeira orde, tal e como o constatan os datos de xeito contundente. De entrada, contamos cunha elevada e variada oferta hoteleira con máis de 1.000 camas dispoñibles, con varios establecementos de turismo rural entre os máis valorados polas esixentes axencias de viaxes; con albergues públicos e privados e co prestixio, xustamente acadado, polo bo facer dos nosos meirandes restaurantes, exemplos de excelencia, tradición e vangarda culinaria con maiúsculas.

Estes días, ademais, volve abrir as súas portas o emblemático hotel O Semáforo, edificio construído orixinariamente en 1879 para atender as necesidades do faro no que atinxe á emisión de sinais mariños e reconvertido en 1999, por obra do arquitecto César Portela, nun sublime e acolledor hotel de encanto. Este idílico lugar, verdadeiro mascarón de proa do turismo de calidade da Costa da Morte, ofrece arestora aos visitantes a posibilidade de observar unha magna constelación de estrelas, a prodixiosa maxia dun faro luminoso que permite, in prasentia, saborear o salobre Atlántico en pleno corazón do Promontorio Nerio. Toda unha regalía para os sentidos que alumea de novo -con máis intensidade ca nunca- no Cabo do Mundo, alí onde comeza a vida e onde se cimentaron, onda a onda, as orixes telúricas do universo.