Un canto ás paisaxes e aos sons da comarca

Xosé María Lema

FISTERRA

29 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O venres asistimos á estrea de Sicixia, de Ignacio Vilar, director que tan bo sabor de boca deixara con Pradolongo ou A esmorga. Agora o cineasta do nacente galego, do Valdeorras, sentiu a chamada do poñente, da nosa Costa da Morte, escenario de tantos sucesos lendarios e reais nos que ás veces a realidade supera á ficción. Así debeu xurdir Sicixia. Acudín á proxección sabedor de que o filme compartía escenarios coa miña novela Costa do Solpor, malia seren a temática e o espazo temporal distintos, e así foi en boa parte. E ben que me alegrei, pois aquí tamén a mítica furna da Buserana do monte Cachelmo ten un protagonismo especial, así como o empeño por entrar nas súas profundidades. Compraceume ver tamén como escenario sobranceiro a alta duna do Penal do Veo, na costa camariñá, o «inmenso areal sen mar» da novela. Coma no caso de dous personaxes da miña narración, a parella protagonista de Sicixia sente a tentación de descender, neste caso a rolos, pola case vertical pendente areosa cara á praia do Trece.

Algúns botaron de menos que o argumento non se desenvolvese un pouco máis. Trátase dunha historia de amor prohibido entre un veterano técnico de son, Xiao e a súa guía, Olalla, unha atractiva moza da zona, os dous con crises de parella. Unha historia que me lembrou a As pontes de Madison, outro amor prohibido entre un veterano fotógrafo, Robert (Clint Eastwood) e a súa circunstancial guía, Francesca (Meryl Streep), unha madura ama de casa. Nos dous casos as dúas parellas acaban descubrindo o amor verdadeiro. Pero é que o argumento é só un pretexto para amosar os verdadeiros protagonistas do filme: as paisaxes e os sons da Costa da Morte. Ademais das paisaxes xa citadas -titánico o esforzo de gravar con mar teso ou xa picado na boca da furna da Buserana-, aparecen tamén a Ribeira do Anllóns, a costa fisterrá e mesmo o cume do monte do Pindo, cunha épica ascensión de todo o equipo penedo a penedo. No asunto dos sons as opinións eran unánimes: un privilexio para o espectador escoitar ó mesmo tempo que Olalla cando Xiao lle colocaba os cascos nos oídos, a variada sinfonía da Costa da Morte: desde o dos viraventos do Pico de Meda ás fortes refoladas do cabo Vilán, ou ó das ondas premonitorias da marusía da boca da Buserana. Quedarán para a historia da cinema, madia leva.

Pero houbo outros sons que ben me agradaron: os da lingua, galega por suposto, coas variantes dialectais propias da fala Fisterrá norte (segundo a clasificación de Fernández Rei): ademais dos falantes reais (mariñeiros fisterráns e muxiáns en particular), nin que dicir ten que cada vez que escoitaba a perfecta dicción de Olalla e do seu tío (Artur Trillo) coa súa irrenunciable «gheada» e con ese sibilante seseo chamado apical, tan de noso, ou utilizando palabras co ditongo ?ui- («muito», «uito») e formas verbais coma «morriu» ou «andén», víñanme á cabeza a fermosa Mariña de Lobeira, o seu namorado o Chavián e mais o Crego Sabio, grazas ós cales a goleta da illa do tesouro puido rematar felizmente á súa aventura.

Non cabe dúbida de que Sicixia lle vai dar á Costa da Morte unha importante proxección interior e exterior. Iso desexamos. Parabéns e moitos éxitos.