Custodios da memoria

Modesto Fraga A LUZ DA FIN DO MUNDO

FISTERRA

21 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre se dixo que os poetas son os mellores custodios da memoria colectiva. Desde a época antiga até os nosos días a historiografía literaria serviu para dar conta de acontecementos memorables compartidos polas xeracións presentes e futuras. Homero, Virgilio ou Horacio son só o punto de partida dunha longa tradición que abrangue as manifestacións culturais de maior esplendor. Non hai máis que reparar nas que nos son máis próximas e que teñen nos Dante, Camões ou Afonso X O Sabio algúns dos seus principais expoñentes. É fundamental evitar que as brumas do Tempus fugit escurezan o valioso legado cultural que herdamos e que nos corresponde protexer, coidar e recuperar. Os fisterráns, por exemplo, sabemos da existencia da mítica cidade asolagada de Dugium porque así nolo recorda o libro III do Codex Calixtinus e sabemos que habitamos o Promontorium Nerium grazas a que xeógrafos clásicos como Estrabón ou Ptolomeo así o recollen nas súas crónicas. De aí que sexa tan necesario recuperar do ostracismo as obras dos nosos creadores. Refírome a títulos coma o Refranero fisterrán, de Francisco Esmorís Recamán, extraordinario volume de fraseoloxía de 1959 e do que non hai nin rastro, ou Finisterre, San Guillermo y su ermita, que viu a luz nunha separata da RAG en 1957. O mesmo poderiamos dicir de toda a obra, aínda inédita, de Desiderio Paz Figueroa, Don Emerito, dos magníficos poemas do capitán Traba ou dos do crego de Duio, Matías M. Escaríz, que gozaron de grande éxito no exilio. Abondaría con algo de sensibilidade e un chisco de altura de miras.