Onda finada (sobre o Museo da Pesca)

Xosé Manuel Lobato

FISTERRA

13 jun 2016 . Actualizado a las 20:25 h.

A grande inmensidade oceánica latexa sostida polas afogadas inspiracións dun mergullo bambeante entre a desesperanza e a incerteza. Desacougo no chiscar do faro, a súa pausada ollada navega nas bágoas do pasado apresadas no museo do mar de Fisterra.

Historia viva situada no emblemático castelo de San Carlos, non é este un dos grandes castelos, mais o seu emprazamento e a súa historia conseguen a metamorfose ideal para albergar un museo dedicado ao mundo do mar. Sen dúbida, nun enclave que acolle a un pobo que inspira e expira co arrecendo salgado do vaivén constante das marusías fisterrás.

Este noso final da terra e as súas xentes son dende tempos afastados moradores do mar empedrado por numerosos cons con nome propio e unha vaga de mar que se enrabecha ante tanta pétrea presenza.

Admiración e respecto para esa acuosa bravura multicolor que arremete sen compaixón, porén os pescadores e mariñeiros deste Cabo ondean a bandeira ancestral da sabedoría transmitida polos seus devanceiros e logran vivir nestas augas nas cristas das ondas, abalando e devalando con intensa enerxía a procuraren empatía e harmonía co seu mar.

No entanto, esta historia de loita secular sen par debe ser espallada e valorada por todas aquelas persoas de calquera lugar do mundo que se achegan a coñecer Fisterra e o seu máxico engado.

Con profunda tristura e decepción vivín a miña última visita polas terras do Cabo. A sorpresa foi das que deixan pegada cando tentei acceder o castelo de san Carlos, como en varias ocasións anteriores, para min visita obrigada este museo do mar que encontrei trancado.

Posiblemente un museo humilde, mais que se magnifica cos folgos e coa intensa vida acubillada nas explicacións de Manolo, un guía atípico, xa que coñece todos os segredos dun mar que ama e co que durante moito tempo tamén compartiu a súa xornada laboral co o mergullador.

Mais iso non é todo, Alexandre Nerium é un dos poetas do mar cun vocabulario máis diverso e limpo.

Hoxe, o museo do mar necesita vida e precisa ser espallado, esa vida intensa que recibe do pasada feito presente na oralidade mareira de Manolo ou Alexandre Nerium.

DNI

Xosé Manuel Lobato (Lestedo, Boqueixón, 1958). Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación. Escritor. Traballa como profesor de Matemáticas no IES Félix Muriel de Rianxo. Autor de Diáspora.com; Cos pés na peneira; Retorno á Natura; Máxico tear natural e Elos de cinza.