Fisterra

X. Amancio Liñares O FIADEIRO

FISTERRA

09 may 2016 . Actualizado a las 22:47 h.

No inverno botei horas dabondo coa novela de Manuel F. Rodríguez, A viaxe á fin do mundo (Bolanda, 2015). Debúllase en case 500 páxinas. Non me pesa. En abril do ano pasado o autor amosoume as probas do orixinal, soando son cubano na linda terraza do Hotel Inglaterra, a carón do Centro Galego. Os dous cadráramos na Habana en xornadas memorables, para disertarmos sobre o ronsel do Camiño de Santiago, coa súa relevancia histórica e actual. A Manuel gústalle dicir que hai inscritas 318 asociacións de amigos do Camiño, prezadas embaixadas culturais de Galicia polo mundo adiante. O autor sarriao falara de Santiago no convento habaneiro de San Francisco, e no outono presentounos a súa novela no cenobio franciscano de Compostela. Ultreia, Cotolai!

Quen fabula tal viaxe, partindo do roubo na catedral da cruz grega de Afonso III en 1906, editou amais Santiago de Compostela para los peregrinos. Guía secreta (2014), onde xa se conxugan as mañas dun xornalista e a mestría dun escritor experto na materia xacobea. A novela longa agrándase coas descubertas da cidade meta, agochadas no útil guieiro Iacobus Absconditus Peregrinorum. Literatura cun fondo namoro por Compostela.

Carlos Casares publicara neste xornal a sección A ledicia de ler e Xesús Alonso Montero mantén vivo o Beatus qui legit, en expresión virxiliana e humanista.

Tamén neste libro o pracer da lectura, co sarillo -que engancha- dunha pulcra ficción en galego. Boa idea a de levar A viaxe á fin do mundo ó faro fisterrán, nos finais deste maio largacío.