Os 40.000 días

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

FISTERRA

11 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Debe de ser o tema máis reflexionado da historia da humanidade, sobre todo por filósofos e escritores: o paso do tempo, a fugacidade. O acelerado que foi cando miramos atrás. Non hai que saber de teorías cuánticas para entender iso de que un ano pasa nun segundo se nos movésemos á velocidade da luz: chega con mirar atrás.

O tempo pode deterse nun segundo nun accidente de tráfico, nunha morte inesperada, nunha enfermidade. O tempo seguramente é outro para os que teñen a fatalidade de cruzar en balsas o Mediterráneo. Ou, sen ir tan lonxe na distancia, para aqueles que ían moitos días a por mineral a Barilongo, arrastrándose polo monte durante 20 quilómetros de ida e outros tantos de volta e sen saber se lle caería algún tiro dos vixiantes. E todo para poder comer.

Pero o tempo máis común é no que pensamos a cotío, o da normalidade. A bendita rutina, que significa que todo segue o seu camiño, que non pasa nada. Así é como se van as horas e os días. Moito imos aprendendo.

Xa hai moito que quedamos abraiados cos 40.000 días que superara no 2011 María Boullosa, de Fisterra. Chegou ata os 40.183. Nunca tal se vira na Costa da Morte, e en moi poucos sitios de España. Esa cifra xa queda vella: Avelina Mouzo Leis está a piques de chegar aos 40.600. Xa son moitos 40, e moitos máis 600, pero esa cantidade xa se escapa de todo o comprensible. Moito máis se pensamos que son 975.000 horas de vida. Canto vale unha hora de vida, e canto valerían 975.000 con saúde!

Aínda lle queda bastante para chegar ao millón de horas, que son as que ten Ana Vela, a maior de España, 114 anos. Así, o tempo sempre é bo.