«Un dos sitios máis espectaculares para talaso está na Costa da Morte»

Santiago Garrido Rial
S. G. Rial CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

SANTI GARRIDO

Consultor de turismo e patrimonio e exsubdirector de Turismo da Xunta, coñece ben a comarca

31 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Mario Crecente é profesor de xestión turística do patrimonio da Universidade da Coruña, ademais de director da consultora Crecente Asociados. Doutor en Arquitectura, exsubdirector xeral de Turismo da Xunta, é especialista en turismo termal (entre outros temas) e un bo coñecedor da Costa da Morte e do Camiño. A semana pasada estivo en Fitur.

-¿A que se dedica a súa empresa?

-Temos coñecemento e equipos no campo do patrimonio e o turismo, temos xa unha experiencia en mesturar as dúas disciplinas. Creamos a empresa para intentar que a relación entre turismo e patrimonio sexa a mellor posible, e pasar dun desastre de relación a unha de amor. Entre un e outro punto hai o que se chama matrimonio de conveniencia, que é o que debía de haber. Como exemplos, creamos produtos como o plan de turismo termal da provincia de Ourense, que nace dos seus recursos termais. Tamén a dinamización do Camiño: agora estamos rematando co inglés, un traballo da Deputación da Coruña mediante concurso público, e finalizando agora a sinalización. Ou tamén o mundo do turismo termal, deseñando e redeseñando produtos novos, como o balneario de Lugo, entre outros. Ou colaborando en París, na Asociación de Cidades Termais, na que fomos un dos membros fundadores.

-¿Que se pode facer na Costa da Morte?

-Tras o desastre do Prestige naceu unha primeira acción coordinada, aquel plan de dinamización turística, un dos primeiros traballos que fixo a empresa. Aínda hai cousas daquel plan por facer. ¿Que ten de bo? Que haxa acción coordenada. É moi difícil que a haxa entre Administración pública e empresa, como debería ser. Queda camiño por facer. E tratar de transformar desastre en oportunidade. Falamos sempre de que somos fin do mundo, pero había que intentar que estivese máis no centro. Como? Tedes unha costa inenarrable, inesgotable, inabarcable. Unha riqueza gastronómica que ten que dar moito máis de si. E hai unha parte do patrimonio, do intanxible, que tería que ter outras formulacións. Iso, no práctico. No teórico, hai que facer a delimitación do Camiño a Fisterra e Muxía. Queda o do parador: ten que ser reactivo para o territorio. Se algunha zona deste país merece un parador, a Costa da Morte sen dúbida merece unha acción pública de dinamización, coa creación de oferta. E o que falta por pechar é a ruta dos faros. Hai un triángulo máxico qué é o Camiño a Fisterra a Muxía coa conexión con A Coruña. É unha proposta que se fixo no seu momento. Por mar, ese triángulo sería sobranceiro, pero arriscado, pero por terra é espectacular.

-Dende o seu punto de vista, ¿que é o mellor que ofrece a Costa da Morte?

-Eu estou abraiado pola condición fisterrá. Hai un texto precioso de Cees Nooteboom que fala do Camiño, e que pon o exemplo que a catedral de Santiago é a ponte dun barco que nos leva á fin do mundo: toda a Costa. Toda ese borde é algo que aínda non conseguimos explotar, e ten que ser a base de calidade, xeración de recurso e riqueza. Cos turistas que temos en novel de ingresos, de estancia, se consolide. E para iso temos que ser máis coidadosos, máis ordenados, ter unhas vilas máis coidadas das que temos. O potencial é enorme, e percorrido, témolo.

-¿Que habería que facer para estar no top dos destinos turísticos galegos?

-Primeiro, definir que é o top. ¿Número de turistas? O top ideal sería o rendemento deses turistas. Que deixen unha rendibilidade. Camiño, fin do mundo e parador, iso xa o mencionei antes. Falta o tema talaso. Un dos sitos máis espectaculares que hai en toda Europa para un proxecto de talasoterapia está na Costa da Morte: na antiga baleeira de Gures. Ese edificio está cada vez máis abandonado. Houbo proxectos inmobiliarios que non foron adiante. Calquera que entre no proxecto de investigación de Talaso Galicia verá que hai un logo, unha imaxe, que é a baleeira. A nosa idea non é tirala, é tratar de aproveitar esas instalacións. Ter clientes todo o ano, con independencia das condicións atmosféricas, poñeríanos na primeira liga. Xa hai seis ou oito anos que se publicou. O que se propón é que haxa unha acción de ordenación para que despois unha entidade privada o leve adiante. A ser posible, o ideal sería que aí estivesen as empresas balnearias galegas, que son un referente en España: falamos de turismo de saúde e de benestar, que non depende de que teñas bo tempo para traballar. Estar recibindo un tratamento de talaso con mal tempo sería aínda mellor. A Bretaña francesa é un dos destinos de talaso máis potentes de todo o mundo. ¿Teñen eles mellor clima ca nós? Non. Eles teñen 20 centros de referencia. Por aí temos que ir que nós tamén.

juan mario crecente maseda doutor en arquitectura, profesor de turismo