«Dombate está volvendo ser o que foi, un centro referencial da actividade colectiva»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

Bello Diéguez, logo de recoller o Premio Dolmen de Dombate; tamén o recibiron La Voz e Deputación.
Bello Diéguez, logo de recoller o Premio Dolmen de Dombate; tamén o recibiron La Voz e Deputación. j. m. casal< / span>

Segue namorado coma o primeiro día do dolmen e fala da importancia da implicación real e duradeira dos veciños

27 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«Sempre o levarei no corazón», dixo o arqueólogo José María Bello Diéguez (A Coruña, 1952) segundos despois de recibir o Premio Dolmen de Dombate por parte do Concello de Cabana. Falaba do megálito, dese amor mozo e maduro que sente por el dende que o coñeceu: Bello foi o director das campañas de escavación no dolmen. As primeiras hai xa máis dun cuarto de século. Ata coa risa transmite paixón polo oficio. É, ademais, director do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña.

-Rencontro con Dombate...

-Pois si. Non hai moito que viñera, por unha visita a Santiago do profesor Joan Santacana. El tamén quedara moi tocado con isto...

-Dombate marca.

-Marca. Para os que están preto, sen dúbidas. Lembro cando se fixera en Galicia, penso que no 1987, o terceiro coloquio internacional de arte megalítico, e viñera xente de toda Europa. Primeiras figuras coas que viñemos ver o dolmen. Quedaron asombrados. Cando se fala de que Dombate, no seu conxunto, é un dos dolmens máis importantes de Europa non é esaxeración. É sorprendente porque non era coñecido.

-Andouse moito dende aquela. ¿Que camiño queda agora? ¿Somos conscientes do patrimonio?

-Aínda non de todo, pero vexo un problema en certas cuestións, e non falo de Dombate: está empezando a desnaturalizarse o patrimonio. Nos propios arqueólogos entrou, en parte por supervivencia, unha visión do patrimonio como produto comercial, como obxecto domesticado e metido no mercado. Penso que non é iso. Vender o patrimonio para min é case coma vender o corpo, un acto de prostitución. O que temos é noso, a nosa historia, o patrimonio ten valor per se. Se coidas un dedo teu, non é porque un turista che vaia pagar: o que busca o turista, na maioría das veces, é ver as cousas tal e como son, non transformadas para eles. A veces escóitase: «Imos escavar isto porque así virá o turismo e así venderemos, e colleremos...». ¡Mal! De entrada, leva toda a pinta de que vas falsear para conseguir resultados máis espectaculares. Así, dáme a impresión de que pasan dúas cousas: unha, a boa, é que dende que hai escolarización universal, a xente é máis culta e dentro diso está a conciencia do noso, do propio, e que antes non existía. Aínda se pode avanzar, pero xa está. Mestres, asociacións culturais, a propia igrexa [alude ao sacerdote Fidel Fernández] traballan conxuntamente. Avanzouse infinito, pero xa digo, logo está esa outra banda, entender o patrimonio case só como valor comercial.

-¿O que hai hoxe en Dombate é un soño feito realidade para vostede? ¿Garda algunha espiña cravada?

-Non, non. A única espiña que teño agora é o da climatización. O problema fundamental que tiña Dombate era o de cubrirse, non só polas pinturas, que tamén, senón polas estruturas da terra. Era o fundamental e está solucionado. Segundo golpe, e iso eu nunca o pensei: o labor extraordinario de dinamización que está a facer o Concello a partir do dolmen. Dombate era unha tumba colectiva, certo, pero ademais diso era un lugar cerimonial e iso vémolo nas fogueiras que hai por fóra e que escavou Manolo Lestón. Non era meter o morto aí e marchar. O dolmen era a sinal do territorio, bandeira, elemento diferencial, centro da actividade colectiva, polo feito mesmo da súa construción. Hoxe, Dombate está a converterse tamén no centro referencial da comarca con todas estas actividades. Paréceme fantástico que sexa o centro dunha carreira, dunha exhibición de canteiros, dunha exhibición de música, da presentación dun disco, dun libro... Iso non dana para nada o monumento. Ao contrario, é que este monumento que estivo esquecido e carecía de significación para a xente da zona, volva ser referente da vida social e cultural. Nunca tal cousa pasara pola miña cabeza. Penso que é unha riqueza moito maior que a cuestión comercial pura que pode dar o feito de que veña un turista aí a deixar cinco pesos. Se os deixa, ben, pero o turismo, normalmente, se dá rendemento vai ser de rebote. Se vas buscando ese rendemento, o probable é que te quedes nel.

-En Castromiñán, Fisterra, queren retransmitir a escavación en tempo real, coma unha telerrealidade.

-A idea de retransmitir a escavación en directo é moi boa: é dicir, se estás escavando, ter alí posta a cámara e que quen queira poida velo. Vendelo da outra forma... semella aquela JenniCam de hai anos. Sería como buscar a noticia bomba.

-Hoxe que hai tantos afeccionados, non sei se no seu campo tamén hai... non intrusismo, mais...

-¡¿Xente que diga burradas?! ¿Cantos centos queres? [Ri]. Houbo sempre, e hoxe tamén. Todo o mundo pode dicir o que queira, e iso non é necesariamente malo, a propia vida é así. Non vale só que teñas a razón, tes que demostralo, convencer aos demais. Cada un ten que escoller se prefire unha mentira bonita ou unha verdade algo máis seca. E penso que a xente sabe valorar.

-¿E a implicación veciñal como pasou no Castro da Croa de Cerqueda? ¿Que opinión lle merece?

-Moi boa, sempre e cando non sexa flor dun día. Que haxa unha implicación real, coma a que hai en Dombate. Hai 27 anos, cando estabamos aquí, o mestre Esteban estaba connosco. Hoxe segue estando. É o importante. Que a romaría dun día perdure no tempo, que non sexa un espectáculo mediático. Aí está tamén a implicación das institucións. De castros, mámoas e outros elementos nos que se fixo algo e non foi a máis estamos cheos. Sobre a implicación da sociedade, non é que sexa boa, é que é fundamental. Se os veciños non se implican cos seus monumentos, non hai nada que rascar. Se eles promoven o coidado activamente, estupendo: facer algo porque queres, como dixo Celso Emilio, porque gusta, peta e dá a gana. Agora ben, non pode quedar nunha fin de semana, sería unha política de terra queimada.

-¿É suficiente o apoio das Administracións? ¿Hai o que debería?

-Non sei cal é o que debería e explícome. O que custa manter o patrimonio é unha millonada. Seino tamén por Elviña, que é o que levo agora. O mantemento dos xacementos de Galicia, non digo escavacións, penso que é imposible sen voluntariado. Sería Galicia o único país en Europa no que non se conte con voluntariado á hora da arqueoloxía, porque é carísima. Hai cousas que, ou se fan con voluntarios, ou non se fan: os cartos non chegan. ¿Fan o suficiente as Administracións? Hainas reacias coma mulas e outras que si. Mudan. Cando fun á Deputación por primeira vez pedir permiso para escavar Dombate miráronme coma se estivese tolo, non sabían de que lles falaba. Logo xa batín con Fernando Cebrián e implicouse de tal maneira que ata viña escavar dende A Coruña sen comer. En xeral, as Administracións están a ser conscientes. Teño claro que, por máis que aplicaran, sería insuficiente, e tamén teño claro que hai necesidades por diante: educación colectiva e pública, sanidade, vivenda, servizos sociais... Podemos poñer en dubida, iso si, que haxa que pagar tanto por un cantante de moda... Hai cousas e cousas. Vaise gañando terreo.