A Vaca de Fisterra, a primeira sirena da costa española

xosé maría lema suárez

FISTERRA

Comezou a funcionar en 1889, de aire comprimido e cunha máquina de vapor

18 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Vilar e quen subscribe, no noso libro Os faros da Costa da Morte (Galicia), publicado o ano 2001 pola Asociación Neria, dentro do capítulo dedicado ao faro de Fisterra, reservamos un apartado especial para a chamada Vaca de Fisterra, para a que agora -con toda xustiza- se reclama a súa recuperación.

Tomando os datos fundamentais do libro que sobre os faros españois do Océano publicou en 1986 o principal investigador dos faros españois, Miguel Ángel Sánchez Terry, narrabamos a causa de que no cabo fisterrán se pensase en instalar unha sirena para os días de brétema na costa, que non eran nin son poucos.

Contra 1880 un buque inglés solicita que se poña no Cabo de Fisterra un faro eléctrico, pois aseguraba que a luz non era xiratoria, senón fixa, e que a altitude na que se atopaba non o facía visible con néboa. Como consecuencia desta e doutras queixas, en 1880 apróbase un proxecto para cambialo de emprazamento, pero unha vez feitos os estudos compróbase a inutilidade de facelo e proponse como solución a instalación dunha sirena.

En 1883 a Comisión de Faros aproba a instalación no faro de Fisterra dunha sirena, a primeira de toda España, proxecto realizado en 1885. Constrúese o edificio a pé da torre, na zona sur, e ponse en funcionamento en decembro de 1889, nomeándose como torreiro maquinista dela ao terceiro torreiro, que tiña asignada unha peseta por exceso de traballo.

A sirena era de aire comprimido e contaba cunha máquina de vapor que vinte anos despois se reforzou por un motor de explosión a petróleo que se alternaba con aquela.

En 1931 cambiouse por outra eléctrica dotada de dous electromotores trifásicos de 15 kw 75 A, que accionaban dous compresores de aire traballando en períodos alternativos.

Unha buguina dobre disposta en ángulo conveniente para cubrir un sector de 250 º proporcionaba dous sons repetidos cada 60 segundos, audibles á distancia de 25 millas (46 kilómetros). Como reserva dos electromotores contábase cun motor Deutz de 25 cabalos.

Nin que dicir ten que apoiamos tanto a recuperación da centenaria sirena como a solicitude de declarala Patrimonio Cultura Inmaterial da Humanidade. O dato de que foi a primeira de toda a costa española pode servir para apoiar esa petición.