«Os fisterráns implícanse moito neste tipo de celebracións»

marta lópez, x.a. CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

XESÚS BÚA

O escritor está ao fronte da organización do 2º Encontro Pirata, que se celebrará esta tarde na praia da Ribeira

01 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor, hosteleiro e animador sociocultural Roberto Traba estivo sempre moi ligado á cultura da súa terra. Por segundo ano consecutivo organiza o Encontro Pirata, que dará comezo ás 6 desta mesma tarde, e no que se representará a chegada do pirata Harry Paye á localidade.

-Segunda edición deste Encontro Pirata. ¿Esperan colleitar o mesmo éxito do ano pasado?

-Si, por suposto. Os veciños de Fisterra implícanse moitísimo neste tipo de actos, e o nivel de participación do pasado ano foi estupendo. Esperamos seguir co mesmo nivel.

-¿Cantas persoas participarán na representación?

-Entre 80 e 100 persoas, e case todos seremos veciños de Fisterra. Como dixen, o nivel de participación é estupenda: os veciños síntense protagonistas da súa festa.

-¿E cantos barcos?

-Dous barcos irán engalanados, e tamén haberá tres botes.

-¿Presentan algunha novidade nesta segunda edición?

-¡Si! Este ano asaltaremos o Castelo de San Carlos polo mar.

-Trátase dun feito que, segundo narran as crónicas, sucedeu hai máis de seis séculos.

-Din os libros que a principios do século XV o pirata Harry Paye asolou a localidade e levou consigo unha cruz, aínda que non tan valiosa como a do Santo Cristo. Nós representamos a chegada do pirata e da súa tripulación.

-¿De onde nace a idea de representar este feito histórico?

-No 2008 a cidade de Pool, de onde era orixinario o pirata, contactou co Concello de Fisterra para ofrecernos unha réplica da cruz roubada. A partir de entón pensamos que sería bonito rememorar un acontecemento así e achegarnos a unha vila tan lonxana como a de Pool.

-Vostede está moi implicado neste tipo de actos.

-Gústame o teatro e a literatura, e síntome moi satisfeito cando podo levar iniciativas como estas a cabo. Ademais, non me gusta nada a política e penso que esta é unha forma distinta de facer política, «política cultural».

-¿Vostede vestirase de pirata ou de fisterrán?

-¡Pirata! Case tódolos fisterráns nos disfrazaremos de piratas, pero demostraremos que tamén podemos ser piratas bos (rise).

roberto traba escritor e animador cultural de fisterra