Viki Rivadulla expón «Nemancos» en Fisterra

La Voz CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

ANA GARCÍA

A mostra, de pintura e escultura, inaugúrase este sábado

01 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A polifacética artista Viki Rivadulla (A Coruña, 1964) expón dende onte no faro de Fisterra. A mostra, que leva por nome Nemancos, é un compendio de pintura e escultura, estando prevista a inauguración da exposición desta licenciada en Filosofía, pintora, escultura e artesá bonequeira para este mesmo sábado, ás 20.00 horas. No acto intervirán Alexandre Nerium, Juan Alberto Moure, Teresa Ramiro, Paco Souto e Xosé Iglesias. Precisamente un verso deste último é o subtítulo da mostra (Ninguén manda en nós máis que o vento). Todas as obras que se poden ver están baseadas na cultura do mar, nos seus personaxes, impoñéndose a paisaxe, como non podía ser doutro xeito, con toda a súa forza. É, en certo modo, unha reivindicación da cultura mariñeira, na base da identidade dos habitantes destes lares, e tamén das mulleres, con moita presenza na exposición. As mulleres como motor da sociedade, como forza creadora. Nemancos, por máis que sexa o nome antigo da comarca de Fisterra, ben podería ser calquera lugar de Galicia, porque a través da arte de Viki Rivadulla funcionaría como metáfora dun país rico, vizoso e vivo, que loita por manter o que é de seu, tamén esa cultura mariñeira que non debería desaparecer nunca.