Fillo, estuda moito e chegarás lonxe (agora estou en Suíza)

Xosé Manuel Abelenda García SECRETARIO SINDICAL, RESPONSABLE DE MIGRACIÓN UNIA BIENNE- CANTÓN DE SOLOTHURN

FISTERRA

19 mar 2015 . Actualizado a las 08:50 h.

Esta frase foi colgada no Facebook por un rapaz de Brens (Cee), que tanto me fixo cavilar. A nosa mocidade que tanto estudou si que chegou moi lonxe, a Suíza, á procura de novas oportunidades e que tantas veces se trocan en decepcións. Na nosa Costa da Morte, emigramos a moreas dende Carballo até o Cabo Fisterra.

Xente moza, moi preparada que chega ilusionada. Mais teñen problemas para facer valer as titulacións, nos que tantas esperanzas investiron para ter un mellor futuro, contando co esforzo tanto anímico como económico dos seus pais. Rematan moitos deles traballando con salarios máis baixos ca os suízos, coa escusa de que a súa formación non é recoñecida ou que descoñecen os sistemas ou materiais suízos, tal como lle pasou a máis de un enxeñeiro da Costa da Morte.

Dicía o noso presidente Feijoo, a finais do ano pasado, que o problema do avellentamento, na Galiza, é a baixa natalidade, aparentemente non se decatou de que o 60% da xente que tivo que coller as maletas nos últimos anos, ten menos de 34 anos e que arrastran con eles á familia, non como pasaba 30 ou 40 anos atrás, onde as trabas legais eran moitas, xa que non existía por exemplo a agrupación familiar. Se conta con que sexan os maiores do lugar os que contribúan a mudar a tendencia, entón debe vivir noutro planeta.

A meirande parte da nosa xente, non volverá nunca máis á súa terra, ao país do ladrillo e do formigón, que agora segundo Abanca, se está a recuperar o sector da construción.

Mal imos se o noso sector clave é o de facer casas e a industria ou a innovación carecen de relevancia, volveremos ás andadas.

Non quixera esquecer ás galegas e galegos que despois de retornar á terra, tiveron que retornar a Suíza ou a outros lares. Seguramente téñeno máis fácil para atopar emprego, xa que coñecen a realidade do país de acollida, mais non deixa de entristecerme, non como seica pensa algún conselleiro, que o noso pobo se autoexilia voluntariamente. Podo dar fe de que non marchamos por pracer, senón por necesidade. Iso debe quedar claro.