Sístoles e diástoles

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

FISTERRA

23 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Somos Fisterra, somos periferia ancestral.

Aquela Galicia de culto dos trinta mil lugares, comunicada co mundo polo mar e polo Camiño de Santiago, era país e parroquia, pobreza e tamén intelixencia para superar as adversidades. O éxodo masivo a América e a Europa buscando supervivencia e outros afáns empezou a romper a estampa inmóbil da paisaxe. Despois migrouse intensivamente da Galicia interior cara ás cidades e aos perfís da costa, cun desexo máis accesible: afincarse na contorna dos barrios tradicionais en busca de traballo, cultivando o salido como fonte complementaria de ingresos e agarrándose ao topónimo do lugar para adquirir a identidade rururbanita. Esa é, a bote pronto, a historia espacial dos nosos traballadores.

A partir dos anos setenta, as cidades centrais dótanse formalmente de planeamento e comeza unha emigración suburbana cara aos municipios limítrofes, que a reciben cos brazos abertos e cunha lasitude total, creando outros ensanches, sen servizos nin equipamentos. Nos anos oitenta, coa democracia, as vilas satélites medraron xa con certas esixencias urbanizadoras, ao tempo que se propagaba entre os capitalinos a idea de instalárense no campo, en fiadas de adosados con rúas sen apenas moradores. Os primeiros foxen das plusvalías, mentres que os segundos, quizais sen sabelo, foxen do custe que supón construír racionalmente a cidade. Esa é, tamén, a historia espacial recente das clases medias urbanas, fillos e netos daqueloutros.

O resultado destas correntes, centrípetas cara á cidade e centrífugas cara aos municipios limítrofes, plasmouse na aparición dunhas periferias conformadas por un cúmulo de mazás e bloques rodeado por unha «paisaxe nacemento», un sarabullo de vivendas unifamiliares apoiadas sobre a rede tupida de camiños históricos urbanizados. No medio deste espazo calidoscópico, as novas vías de comunicación coa cidade central fragmentaron aínda máis a desmesura da expansión.

Agora, na quietude inmobiliaria despois da crise, todo está máis tranquilo e o que fora unha regurxitación urbana está en proceso de asimilación, de xeito que toda esa complexidade é como un continuo urbano que, para entendernos, chamamos metropolitano. O conxunto mellorou a custe de cuantiosos investimentos públicos en substitución, en boa medida, das obrigas privadas, pero a paisaxe final achégase máis á frustración que aquelas que veneramos tanto. A conxugación das dúas terá solución na medida en que se queira acometer.

Este conglomerado metropolitano no que, co devalar das horas, se establecen sístoles e diástoles de baleirado e enchido de actividades e empadroamento dos residentes é un espazo que só poderá ordenarse doutro xeito coa concertación política, e aí está a súa solución territorial, económica e social. Se algún día a periferia foi o desexo dun centro iluminado que se miraba ao lonxe polas noites, agora é unha pertenza, e a rivalidade de inicio xa non se dá, xa que os cidadáns foron quen de substituíren a competencia pola convivencia. A súa conformación en novas áreas urbanas entre a capital e os seus satélites conlevará a conversión das estradas de enlace en rúas, a fiscalidade terá que ser froito dun pacto secuenciado no tempo, e os verbos a conxugar, restaurar, rehabilitar, conservar, conectar, de ser aplicados intelixentemente, xerarán unha nova e boa actividade económica.