Ramón Louro: «O que espero é gozalo e aprender o máximo posible»

m. r. / p. v. CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

CEDIDA

O dumbriés regresa ó mundo do motor coa compra dun Ford Fiesta R2 ao equipo cántabro RaceSeven

19 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo dun ano de parón, o piloto de ralis Ramón Louro (O Ézaro, 1989) regresa ó mundo do motor coa compra dun Ford Fiesta R2 ao equipo cántabro RaceSeven. Un regreso co que o condutor dumbriés espera desputar novas competicións, aínda que por agora descoñece cando terá lugar a estrea. «De momento estamos poñendo o coche ao noso gusto. Queremos probalo o máximo posible para adaptarnos a el», di.

-¿Como se introduciu no mundo dos ralis?

-A raíz da miña amizade con Manuel Senra. A min xa me gustaba o tema do motor, e dei o paso grazas ir con el a moitos sitios e ó seu apoio. A miña primeira carreira foi o 29 de novembro de 2014 en Barbadás, Ourense, nun rali-mix de terra e asfalto do campionato galego. Fun cun 106 alugado, que máis tarde acabei mercando, e resultou máis difícil do que parecía dende fóra [ri]. Pese a ilo, conseguín rematala entre os vinte primeiros. Para min foi todo un éxito.

-Comezou dende moi novo.

-Na miña casa non lle gustaba moito a idea [ri]. Eu practicaba outros deportes como o fútbol, pero deime conta de que o meu era o motor.

-E a partir de aí, ¿seguiu competindo?

-Si, compreille o coche a Manuel Senra no 2015 e comecei a facer algunha proba máis do campionato galego. Tamén fun a algunha en Asturias.

-¿Cal foi a última?

-No rali de Ribeira Sacra o ano pasado, onde por desgraza se nos amolou o alternador e quedamos parados no último tramo. Aí foi cando se acabou todo. Non tiña remedio. Logo foi cando o vendín e parei de competir. E agora, grazas ao apoio de amigos, compañeiros de traballo e patrocinadores tomei a decisión de volver. Estivemos buscando e comprei o Ford Fiesta R2, que está feito e montando directamente para correr.

- ¿Por que decidiu escoller este e non outro?

-Porque economicamente se adaptaba ó noso peto. De nada sirve coller un coche grande se despois non podes mantelo. Agora, no taller de Manuel Senra, que para min é como a miña casa, estamos poñéndoo ó noso gusto

-Fala por dous. ¿Quen o acompaña?

-Comecei con José Ángel, un rapaz de Lugo, e como coincidimos tan ben, seguimos xuntos.

-¿Teñen previsto participar nalgunha proba este ano?

-Si, temos pensado correr algo, pero aínda non sabemos cando. Igualmente, sigo indo a todas as competicións como espectador mais, mentres uns van á praia, eu vou para o taller, basicamente.

-¿Espera conseguir mellores resultados con este coche?

-O que espero, principalmente, é gozalo. En tan pouco tempo, non podes aspirar a ningún obxectivo. O que quero é aprender o máximo posible.