«Cando levas aos participantes do Open Río Xallas ao Ézaro quedan sorprendidos»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

Na novena edición do encontro participaron 34 parellas, e había 50 en lista de espera

03 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa pasaron uns días dende que rematou o encontro, pero as boas sensacións perduran. Hai afeccións que medran, ademais, en familia. O coto de Xallas-Beba, situado no tramo do río Xallas comprendido entre o embalse da Fervenza e a desembocadura do río Beba -un dos poucos de Galicia regulados para a práctica da pesca sen morte-, vén de acoller a novena edición do Open Internacional de pesca a mosca por parellas Río Xallas, organizado polo Club Salmo de A Coruña, coa colaboración do Concello de Dumbría.

Detrás da organización están José Arcay (A Coruña, 1960) e Margarita Fernández, ambos pescadores e, ademais, pais de David Arcay, tricampeón do mundo que, despois de deixar Dumbría, saíu cara A Pontenova para outro campeonato e, de aí, cara Asturias, para adestrar para a proba a nivel estatal. Participaron no Open 34 parellas, téndose xa convertido nun dos encontros con máis prestixio a nivel nacional e internacional, unha plataforma para o mundo da pesca dende o punto de vista deportivo. É, tamén, unha oportunidade a nivel hostaleiro: todos os participantes, máis acompañantes e organización aloxáronse en Cee. José ten boas palabras para o Concello de Dumbría pola súa aposta polo deporte e por este Open: di que sempre axuda e que cada ano hai ganas de mellorar. «É un auténtico pracer».

-¿Que valoración fai da cita?

-Estivo máis ou menos na liña en capturas doutros anos, quizais un pouquiño por debaixo. Saíron 980 pezas, pero dado como está sendo o comezo de tempada de pesca en río, non está nada mal.

-Houbo participantes con títulos a nivel mundial, polo que o encontro xa ten un bo nome.

-Si, é o noveno Open que se leva celebrando e ten carácter internacional. Este ano tivemos franceses, portugueses, un arxentino... Moita xente de Castela e León... De todas as autonomías, máis ou menos.

-¿Que condicións ten o Xallas?

-Á xente que vén de fóra o río Xallas gústalle porque, nas datas nas que se celebra o Open, non se pode practicamente pescar a mosca seca en ningún río. Ese é un dos principais atractivos que ten.

-¿E que saúde lle ve?

-O río ten moitos peixes. Este ano, quizais teña algo menos de talla de media, pero iso non é malo, porque son crías do ano pasado, e iso é saudable para o río. O que si falta un pouco é a talla superior, pero pode ser polas condicións climáticas: os ríos van baixos de auga, as augas frías... De temperatura exterior pode haber 25 ou 26 graos e as augas están a 10 ou 12. Hai unha diferenza moi grande. Logo, hai outro problema grave, os cormoráns.

-¿Que impresión se levan desta zona os participantes, sobre todo os que veñen por primeira vez?

-Todos os anos, sendo 34 as parellas, temos estipulado que as cinco últimas descenden para que deixen sitio a outras, porque hai unha lista de máis de 50 para vir a este Open. Todos marchan encantados, e sobre todo os estranxeiros, porque non coñecen Galicia nin a zona. Chócalles a cultura, as paisaxes... A maioría dos participantes, aínda que sexan galegos, non saben que o Xallas desemboca en cascada, que é o único de Europa que o fai, e cando aos levas a ver O Ézaro quedan todos sorprendidos.

-Dende fóra, parece que a pesca deportiva está en auxe. Mesmo esa lista de espera para o Open...

-Demanda o Open do Xallas si que ten, e dende o inicio, cando era a un día de competición. Logo, coas peticións que había, optamos por facelo a dous días: a xente ten que organizarse única e exclusivamente para vir ata aquí. Polo tanto, demanda haina. ¿Que pasa? Que Galicia non ten a pesca como para dicir que a explote a nivel turístico e privado, como fai, por exemplo, Asturias. Fóra de España hai xente que vive de levar a outra xente a pescar, a guiala polos ríos... Vímolo nós hai pouco en Colorado, a cantidade de miles de millóns que move a pesca en EE. UU. é abrumadora. Non obstante, aquí, non está contemplado a nivel turístico nin profesional que alguén se queira facer guía de pesca para levar á xente aos marabillosos ríos que temos.

-Recursos hainos.

-Si, si. Ocorre tamén que a pesca sen morte aquí en Galicia tampouco está moi contemplada.

-Na súa casa a pesca é cousa de familia. ¿Xa lle vén dos seus antepasados esta afección?

-Meu pai pescaba, máis ben no mar, aínda que o río tamén lle gustaba. Eu comecei con el. Logo, nós empezamos a levar tanto á filla como ao fillo. Ela deixou de pescar aos 13 anos e David continuou, lévao facendo dende os 4.

Gañadores do Open

Primeira posición. Pablo Castro Pinos e David García Ferreras.

Segunda posición. Julián Nieto García e Manuel Ramos Andrade.

Terceira posición. Juan José Verde Vázquez e Jesús Bolaño García.

Cuarta posición. David Arcay Fernández e Jordi Oliveras Cortina.

Quinta posición. Javier del Río e Taillard Patrick Roger Pierre.