As bicicletas casan co Ézaro

Vicente de Lema ONDA MAINA

DUMBRÍA

05 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ociclismo é un dos deportes máis duros que existen. A persoa loitando contra as súas propias limitacións. O corpo é o que pon o límite sobre unha das máquinas máis sinxelas que existe. O vehículo máis ecolóxico e máis san. O domingo houbo na Costa da Morte unha proba que é un verdadeiro desafío. O Gran Fondo Ézaro é unha aventura, para quen participa nela e máis para quen a pon en marcha. Non deixa de ter certos aires de milagre que unha poboación tan pequena poida por en marcha unha iniciativa destas características: 1.200 persoas facendo fronte á fazaña de subir as Paxareiras e máis O Ézaro. E que nese grupo corran deportistas como Beloki, Casero ou Pereiro, que non hai moito tempo figuraban nos equipos da elite do ciclismo, dá unha idea da dimensión dunha convocatoria que non só supón unha revolución para un concello como Dumbría, senón un reto para unha boa parte da Costa da Morte. A Vuelta a España abriu moitas portas ao universo de xente descoñecedora dun fenómeno natural como a Cascada do Ézaro e toda a desembocadura do río Xallas, un cadro que dificilmente sería quen de imaxinar o artista máis ambicioso. Agora volve a carreira, pero este lugar converteu o mito nun fenómeno deportivo e turístico de sona internacional. É moi difícil que un espazo de tanta fermosura puidera casar cunha actividade tan nobre como o ciclismo, e máis casárona. Algún día alguén preguntará como empezou este fenómeno e igual ninguén o lembre. Máis é xusto apuntar que quen trouxo o ciclismo ao Ézaro merecerá co tempo a gloria correspondente.