«O número de explotacións ecolóxicas lácteas solicitantes duplicouse no 2016»

LUIS GARCÍA / VERÓNICA COUTO

CORISTANCO

ALBERTO LÓPEZ

O novo director técnico do Craega substitúe no cargo a Ernesto Sánchez

10 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Cancio Álvarez é o director técnico do Craega (Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia) dende hai dous meses. Onte participou no espazo Voces do Agro, que conduce Luis García, director de Fonteboa (Coristanco).

-¿Dende cando funciona o Craega?

-Arrancamos en maio de 1997, imos cumprir este ano 20 anos.

-Empezaron con once operadores e agora hai uns 600. ¿Non?

-Máis. Aínda están sen contabilizar ben os datos do 2016, pero pasa de 850 actualmente.

-¿Cantas granxas hai censadas na produción de leite ecolóxico?

-En Galicia, a datos de inicio de 2016, había 33 granxas certificadas e oito en conversión. Ao largo do 2016 entraron dúas que xa se certificaron, así que hoxe en día son 35. E en conversión hai moitas máis porque ao longo do 2016 houbo unha chea de inscricións, eu creo que máis de 40. Os datos aínda non son definitivos, pero no 2016 máis ou menos duplicouse o número de explotacións.

-¿Que esixencias teñen as granxas para obter a certificación?

-Hai unha serie de esixencias que veñen marcadas no regulamento europeo de produción ecolóxica, que son comúns a todos os países da UE. Os cambios fundamentais, ou mellor dito, requisitos indispensables para unha granxa que se queira pasar á produción ecolóxica serían: máximo dúas vacas por hectárea, esta sería a carga gandeira para limitar os abonados, para non facer uso excesivo de incorporación de nitróxeno ao campo. A explotación ten que contar con unha base territorial suficiente. O ganado ten que pastorear. Por exemplo, as reprodutoras non soen saír, pero en ecolóxico teñen que facelo, tantos as reprodutoras como as de cría. Dende os catro ou cinco meses deberían saír xa a pasto. Hai máis requisitos, como a alimentación, que ten que ser toda en ecolóxico. Mínimo un 60 % da materia seca que inxiran eses animais ten que ser producida na propia explotación, é dicir, non pode estar baseada en traer pensos e forraxes de fóra, sen aproveitar as súas parcelas.

-¿De que maneira poden informarse os interesados?

-Deben poñerse en contacto connosco. Somos o organismo que actualmente certificamos a produción ecolóxica en Galicia. Todo aquel que queira pasar a ecolóxico poñeríase en contacto con nós. Hai que entregar unha serie de documentación e despois iríaselle facer unha visita. Ten que ter unhas premisas claras, unha intención clara de que ten que cumprir unha serie de requisitos, como os que xa falamos. Tampouco poderían, por exemplo, empregar insecticidas, herbicidas, funxicidas... E outra das esixencias que hai, que moita xente non cumpre son as instalacións. O 50 % de cada habitáculo non pode ser en emparrillado, ese porcentaxe polo menos ten que ser superficie sólida e dispoñer dunha zona de cama. Isto limita bastante porque xa habería que facer obras nas instalacións.

-¿Como andamos de industrias de transformación neste campo?

-Hai un par de industrias grandes. Lactalís foi a que empezou alá polo 2002, estivo a recoller e a envasar a maior parte do leite ecolóxico galego. O ano pasado incorporouse Leite Celta. E despois hai pequenos produtores con pequenas iniciativas. E outras non tan pequenas, como a da Casa Grande de Xanceda, que xa ten unha produción importante. Nós o que facemos é certificar que a súa produción é ecolóxica, e despois cada un ten liberdade de negociar coa industria ou crear a súa propia para comercializar os seus produtos. Nós levamos o control da certificación de todo o proceso pero a venda xa sería libre, aí non nos metemos.