«Seguín os pasos de meu bisavó, Blanquiño de Muíño Seco, regueifeiro»

f. rodríguez / Verónica couto CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

VERÓNICA COUTO

Lupe canta coplas en Radio Voz e máis usa as redes sociais para divulgar a súa facilidade para construír rimas

21 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Veciña de Carballo pero natural de Coristanco, Lupe Blanco (Coristanco, 1980) recupera unha tradición familiar co seu interese pola regueifa, tal e como contou en Radio Voz, onde canta coplas tódalas semanas: «De toda a familia dos Blanco son a única que sigo os pasos do meu bisavó, Blanquiño de Muíño Seco, regueifeiro e mestre de moitos regueifeiros».

-¿Como lle chamamos a isto que fai, Regueifa 2.0 ou De Coristanco para o mundo?

-Podémoslle chamar un pouco de todo, pero a miña páxina en Facebook chámase Regueifando pola vida. Creeina hai un par de meses aínda que xa levo un tempo regueifando, empezou o tema un pouquiño de broma e ao final coplamoslle a case todo. Polo de agora lense os textos, pero estou niso, logo se poderán oír. Dábame algo de respecto cantalas pero escribilas si que me fai moita ilusión. É un proxecto co que o paso moi ben, tratando de non ofender a ninguén. Sempre se pode sacar algo de retranca e bo rollo das cousas que pasan.

-E como dicía, esta arte vén de familia...

-Si, como comentei, meu bisavó era un mestre regueifeiro, ensinou a moitos. A xente maior acordarase de quen é. Isto eu tamén pretendo que sirva un pouquiño para ensinarlle á xente nova o que é a regueifa.

-Leva moitos anos sendo cantareira pero isto da regueifa é novo. ¿Non?

-Si, son cantareira e pandereteira dende os 6 anos, levo 30 anos cantando. O tema da regueifa empezou un pouco máis de carallada, de falarnos uns a outros coplando, aí vin que non me custaba construír estas rimas, igual que a moitísima xente tampouco lle custa, persoas por exemplo que me contestan a través da páxina. Vexo que moitas que teñen unha gran arte nisto da regueifa, pensei que era un tema que estaba completamente morto e non, a través da páxina estoume atopando xente de Vigo, de Santiago... Que me dan os parabéns pola páxina, que tamén fan as súas cousiñas, hai cursos incluso para aprender a regueifar. É unha arte que se está poñendo outra vez de moda.

-¿Que opina disto que algúns din de que a regueifa é a base do rap?

-Eu sempre o valorei nese aspecto. Supoño que non terá nada que ver porque o rap non procede de aquí e a regueifa si. Pero en calquera caso si que ten moitísimas similitudes. A xente nova hai que intentar acercala dese xeito. Aínda que a maneira de cantar a regueifa non é como a do rap, todo depende tamén das zonas nas que se cante. Na área de Vigo é moitísimo máis movida por exemplo e incluso ten retrouso. Hai distintas zonas que a cantan de formas distintas, aquí xa é moito máis como un cantar. Pero en calquera caso si que se podería adaptar a rapeala sen ningún problema.

-¿Cantos regueifeiros quedarán na Comarca de Bergantiños?

-Por desgraza eu creo que poucos porque os verdadeiros mestres, a xente que estivemos vendo dende pequenos foron desaparecendo. Eu lembro a meu bisavó cantar regueifas na Festa da Pataca en cadeira de rodas encima do palco, aos noventa e pico de anos. Agora hai pouquiño deixounos outro, Guillermo da Rabadeira. Tamén estaba Fermín da Feira Nova. Agora mesmo o máis coñecido da zona eu creo que é Suso de Xornes, que sigue actuando. Eu, de momento, a tanto nivel non chego. Por agora céntrome en escribilas, e pouco a pouco irei familiarizándome co tema. Teño a ilusión de algún día cantalas con outra persoa, que me conteste, que diso se trata, de meterse un co outro.

-¿«Regueifando pola vida» nace como reivindicación?

-Nace por dúas cousas. Por un lado para que a xente nova saiba o que era a regueifa, eu teño libros na casa que falan de meu bisavó e interésame moitísimo ese tema. A meus pais, por exemplo, chócalles moitísimo que eu faga isto, porque na familia ningún seguiu. Por outro lado tamén é unha maneira de reivindicación, porque a base de sátira e de retranca, podemos tocar infinitos temas. Podemos falar de moitas cousas só con abrir o xornal. Realmente a regueifa é a tempo real, polo de agora aínda teño o medo de facelo así pero eu normalmente collo o móbil e empezo a escribir e é como se estivera falando, non me leva máis de dous minutos construír unha regueifa con cinco ou seis coplas.