«O fútbol feminino está en pleno auxe na comarca»

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

ana garcía

A exogadora internacional e seleccionadora galega, María Varela Bardanca, é agora a adestradora de dous novos proxectos que están despegando na comarca: o Bergantiños feminino

26 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A exogadora internacional e seleccionadora galega, María Varela Bardanca, é agora a adestradora de dous novos proxectos que están despegando na comarca: o Bergantiños feminino e a selección da Costa de fútbol sala feminino. Onte facía unha primeira análise de como avanzan as iniciativas.

-¿Que ambiente se respira entre as xogadoras do Bergantiños?

-A verdade é que moi bo. Teñen moitísima ilusión. Parecen esponxas, porque están tratando de aprender todo o máis rápido posible. O feito de gañar o primeiro partido da pretemporada contra o Sp. Cambre tamén lles axudou a coller confianza.

-¿Cantas inscritas hai?

-Agora mesmo temos unhas 21 rapazas. Son todas da comarca: Laxe, Corme, Razo, Coristanco, Carballo... Aínda que hai bastante diferenza entre as idades, vanse adaptando pouco a pouco. De todos modos, se ao final acaba habendo máis rapazas, intentaremos facer dous grupos nos adestramentos, segmentados por idade.

-¿Algunha xa destaca?

-Non, porque están todas iniciándose no fútbol once, salvo dúas que xa xogaban antes, pero de forma non oficial. A maioría empezan de cero, nunca xogaron a nada, e despois hai unhas cinco que veñen de fútbol sala, polo que están tratando de adaptarse ao fútbol campo.

-¿Seguen aparecendo novas interesadas?

-Si, en cada adestramento adoita aparecer unha rapaza nova. A verdade é que está tendo bastante aceptación a iniciativa. Ademais temos aberto o prazo para que poida vir calquera moza en calquera momento, e poida probar sen ningún tipo de compromiso.

-¿Está o fútbol feminino en pleno auxe na comarca?

- En certo modo si. Equipos que levan anos pelexando están subindo de nivel e mellorando, e iso tamén é un escaparate para o fútbol feminino. Pouco a pouco vanse vendo máis equipos e iniciativas, pero aínda queda moito traballo por facer.

-¿E que tal o partido da selección da Costa contra o Burela, xogado o mércores en Dumbría?

-As rapazas fixeron un partido espectacular e pelexaron ata o final. Perdemos 5-3, pero no descanso iamos 2-2. En todo momento plantámoslle cara, cando o que se esperaba era que practicamente nos varreran.

-¿Foi difícil escoller ás xogadoras da selección?

-Resultou un pouco complicado porque ao tratarse dunha iniciativa nova, queríamos que participasen todas. Entón non fixemos descartes e xogamos cun total de 16, habendo diferenzas de nivel.