Coristanco celebra a primavera con cultura

La Voz

CORISTANCO

O programa inclúe presentacións literarias, propostas para os máis cativos, corais e sendeirismo

28 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A primavera en Coristanco será sinónimo de cultura grazas ao programa de actividades organizado polo Concello precisamente con esa denominación: Primavera cultural. O libro e os autores locais terán unha presenza importante neste ciclo que lles permitirá dar a coñecer algunhas das súas obras máis recentes. Carmen Blanco Ramos abrirá este apartado o venres 6 presentado no local social de Agualada (21 horas) O volframio en Varilongo. Completan a relación de presentación Mercedes Queixas con Manuel María, labrego con algo de poeta (día 19, colexio Xosé Pichel); Evaristo Domínguez Rial con Coristanco, as súas parroquias (24, Xosé Pichel, e 4 de xuño, Couso); Álvaro Antelo con Entremeses (27, Xosé Pichel) e José Antonio Andrade con Reválida de sexto (10 de xuño, Casa da Cultura). Ademais, o 20 de maio procederase nese último escenario á entrega dos premios do certame literario Asunción Antelo.

O programa tamén inclúe un certame de corais que se celebrará o 21 de maio na Casa da Cultura, as saídas de sendeirismo da Primavera en Ruta da asociación Senda Nova e varios espectáculos para os máis cativos: contacontos (día 25, colexio de Bormoio-Agualada) e un obradoiro didáctico sobre Castelao (2 de xuño, Xosé Pichel), ademais de dúas sesións de monicreques xa celebradas.