Cando o deporte rei xurdiu en Coristanco

Xosé M. Rei ,Xosé M. Lema

CORISTANCO

O equipo, directivos e afeccionados do Coristanco celebrando o título de campión de Copa 1987-1988 no campo de Camariñas.
O equipo, directivos e afeccionados do Coristanco celebrando o título de campión de Copa 1987-1988 no campo de Camariñas.

Cinco clubes de fútbol naceron no municipio bergantiñán

16 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Con motivo da presentación do libro dos 50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014) lembramos os cinco clubs que naceron nesta localidade bergantiñá.

Como ocorreu noutros lugares da Costa da Morte, a chegada do fútbol a Coristanco témola que situar na década dos anos 20. O primeiro partido de «foot-ball» (así se escribía daquela) xogado en terras coristanquesas que atopamos na nosa investigación foi o disputado entre o cadro local do Rácing Escolar e o Bergantiños F. C. en agosto de 1924 no novo campo de deportes. A inauguración deste recinto deportivo debeu amolar ben aos carballeses, pois ansiaban teren un en condicións, xa que ata 1925 non disporían do mítico Pedras Brancas.

Aínda que moitos coristanqueses xogaron en equipos da redonda, ata finais da década de 1970 non se fundou o primeiro club no municipio. Foi o Rácing Erbecedo, que debutou na Liga da Costa na tempada 79-80, e durante seis anos os do campo da Braña disputaron un total de 152 partidos ligueiros e 12 de Copa. Na campaña 80-81 naceu o Coristanco S.?D., que se mantén aínda hoxe en activo despois de 36 tempadas (5 na Primeira Rexional costeira, 14 na Segunda e 17 na Terceira Rexional). O seu maior éxito veu na Copa da Costa. Despois de perder a final na tempada 82-83 co Baio, proclamouse campión na 86-87, con Moreira no banco, tras imporse ao Camariñas na casa 2-1 e igualar 5-5 na volta, no que foi o partido con maior número de goles das finais de Copa. Tamén ten o Coristanco o récord goleador nun partido de liga, ao gañarlle ao Carnota 32-1 (tempada 90-91). O pasado domingo xogou o seu encontro ligueiro número 1022, que, sumados aos 105 de Copa, o converten xa nun clásico da Costa. Na época de maior proliferación de novos clubs costeiros (entre 1979 e 1982 fundáronse 18), tamén naceu o terceiro club do concello: o Agualada C.?F., que debutou na tempada 82-83 na Terceira Rexional. Estaría despois nove anos na Segunda, ata que desapareceu en 1993. Nese tempo o equipo do Rodeiro disputou 236 encontros de liga e 22 de Copa. Haberá que agardar ata a tempada 1998-1999 para atopar un novo club en Coristanco: a Sociedade Deportiva Alcaián. Este modesto equipo competiu durante 16 campañas, sempre na Terceira Rexional, disputando 408 partidos de Liga e 35 de Copa. Na tempada 06-07 non gañou ningún partido, o que fixo que fose elixido para a realización dun documental sobre o fútbol modesto: «Alcaián, o primeiro partido».

Na tempada 2000-01 constituíuse o quinto, e polo de agora último club do Concello coristanqués: a Sociedade Deportiva Seavia, que tan só disputará dúas campañas na Terceira Rexional, con 46 partidos na liga regular e 6 de Copa da Costa. E falando de Coristanco, non podiamos esquecernos de dous xogadores que chegaron ao fútbol profesional: o porteiro Rubén, actualmente no Levante (Liga BBVA), e a gran promesa do fútbol galego, Angeliño Tasende, enrolado no potente club inglés do Manchester City.