Un pequeno tesouro

Vicente de Lema ONDA MAINA

CORISTANCO

30 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días presentouse no marco da Festa da Pataca o libro Coristanco, as súas parroquias. Un libro que chega, como os bos froitos, no tempo da colleita. Ese momento máis esperado polas xentes do campo. E foi unha desas anadas ben recibidas porque Coristanco está necesitada de obras así. Evaristo Domínguez, o seu autor, é un deses mestres que deixan pegada nos seus alumnos e nos lugares polos que pasan. Ensinantes que se dedican en corpo e alma ao seu labor docente e, logo, pasan as súas horas libres pescudando os segredos e misterios do entorno para enriquecer a súa sabedoría e máis a dos que o rodean. Un labor impagable que as máis das veces non ten recompensa merecida.

Un diría que os bos mestres e os labregos deberían ter un monumento en cada vila. Uns aliméntannos tres veces ao día e os outros nutren as almas nos rapaces cada día nas aulas.

Unha boa parte do contido do libro foi publicado por La Voz de Galicia, na edición de Carballo, entre xaneiro do 2001 e xuño do 2003, unha páxina cada domingo de feira de Agualada. Nas súas páxinas recóllense todos aqueles datos referidos á historia, á xeografía, a monumentos e patrimonio histórico e cultural, poboación e moitos outros aspectos de cada unha das parroquias do municipio. É un traballo para agradecer: o esforzo do autor; o de Xosé Manuel Varela, responsable da colección; o da editorial Embora, e o do Concello por colaborar na publicación para que os coristanqueses puidesen levalo para casa nas xornadas da Festa da Pataca coma quen leva un pequeno tesouro sobre a súa terra máis próxima. Había moita xente na presentación. Moita dela seguro que está estes días degustando esas páxinas nos seus fogares. Pero tamén sería bo que este libro servise como referencia para que os castros, as mámoas, as igrexas con elementos arquitectónicos de interese, as construcións cargadas de historia sexan indicadas, sinaladas e ben coidadas para que veciños e visitantes saiban onde están e se podan preservar de calquera pala mecánica distraída ou mesmo do abandono.