¿Pereiras de Couso ou de Seavia?

Luís Giadás

CORISTANCO

O cambio de parroquia da aldea provocou un conflito no século XIX

06 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

No Concordato de 1851, o cardeal Miguel García Cuesta traspasa a aldea coristanquesa de Pereiras, pertencente á parroquia de Seavia, á veciña de San Miguel de Couso, xa que «está a catorce minutos de la segunda y a tres cuartos de legua de la primera».

Mais, en 1883, o párroco de San Mamede de Seavia, arrepentido da perda daquelas almas a salvar (e dos dez ferrados de oblata aparellados ás devanditas almas), atrae a algúns veciños de Pereiras cara á súa freguesía polo que estEs son botados fóra, violentamente, do templo de san Miguel, ao negarse a pagar os reparos daquela igrexa.

Para acougar os ánimos, o crego de Couso asina un contrato cos pereirenses, comprometéndose estes a pagar dúas libras de cera ao ano, se querían acudir ós oficios.

Non o fan, repetíndose as expulsións e, así, moitos veciños daquela aldea levan tres meses sen oír misa, dende o día do patrón, San Miguel Arcanxo (29 de setembro) ata o 18 de decembro, data deste escrito de Andrés Pazos Oreiro, párroco de Couso, e dos veciños de Pereiras, Cástor Negreira e Antonio Rey, pedíndolle a confirmación da anexión do devandito lugar ao cardeal Miguel Payá y Rico.

Dous días antes, o 16 de decembro, Pascual Mira, Alonso Belo (sic), Primo Rey, Domingo García, Ramona Castro, Ángela Rey, Ramona Fernández, Rita Varela e Josefa Ferreiro, veciños todos de Pereiras, corroboran esta anexión e a revogación do contraoficio que lles obrigaba a pertencer a Seavia: «Hace dos años que no oímos misa, pues nos es imposible por la muchísima distancia. Los confesores nos niegan la absolución porque dicen somos indignos, siendo esta la causa de que ninguno haya cumplido con el precepto pascual el año pasado. O que vuelva Su Eminencia a agregarnos a Couso o tenga a bien dispensarnos tanto del precepto de oír misa como el de la confesión y comunión pascual».

O cardeal Payá sentenza en favor de Couso: a aldea de Pereiras torna á paz espiritual.

O próximo sábado 14 de marzo, na camiñada que oferta o Instituto de Estudos Bergantiñáns pasarase a rentes do lugar que se viu inmerso naquel conflito.

crónica histórica