«A Costa da Morte descubrina con meus pais nun Seat 124 a butano»

Juan Ventura Lado Alvela
J. V. Lado CEE / LA VOZ

CORCUBIÓN

JORGE PARRI

Ezequiel Mosquera, un dos ciclistas máis sobresaíntes que tivo Galicia na súa historia, é tamén un namorado da comarca

02 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ezequiel Mosquera Míguez (Cacheiras-Teo, 1975) foi un dos ciclistas máis relevantes da historia deste deporte en Galicia, con trunfos que seguen na mente de todos os afeccionados como aquela ascensión á Bola do Mundo da Vuelta a España do 2010. Unha lesión inoportuna e que o seu nome aparecese relacionado coa dopaxe, aínda que despois quedase totalmente exculpado polos tribunais, seguramente o privou de destacar aínda máis. Agora xa retirado, está inmerso en varios proxectos empresariais, como o dos servizos deportivos, que o traen a cotío á Costa da Morte, a conto da organización do Gran Fondo Ézaro que se celebra hoxe.

-¿Cal é o primeiro recordo que ten da Costa da Morte?

-Eu tiven a sorte de ter uns pais moi viaxeiros, que nos levaban a todos os lados como se podía daquela. Cargábannos aos tres irmáns co campingás no coche e levábanos por aí adiante nun Seat 124 a butano. Por iso os primeiros recordos que teño son de neno pola zona de Malpica, Ponteceso, Laxe... Despois, curiosamente, porque a min encántame viaxar polo rural e teño toda Galicia moi cartografiada, a Costa da Morte tíñaa menos controlada. Por iso agora, a propósito do Gran Fondo Ézaro, estouna redescubrindo.

-¿Pódese dicir que a Costa da Morte está de moda?

-Fáloo moitas veces co alcalde [José Manuel Pequeño] e el está de acordo comigo, que son de fóra e vexo as cousas cos de alguén que non é de aquí. Hoxe mesmo [por ayer] baixaba polo alto do Viso no coche con Álex Zülle -que é suízo e non será que os suízos non teñan paisaxes- e viña flipando co Pindo, Carnota... toda esa zona. A Costa da Morte ten temporais, fai mal tempo.. pero eu non só creo que estea de moda, senón que o percorrido que lle queda é enorme. O simple nome ten tanta forza, é tan vendible, que a pouco que exporte o éxito está asegurado. Ata os propios naufraxios. Por iso penso que estamos nun punto de inflexión e confío en que se comece a vender isto ben vendido.

-¿Como é para adestrar?

-Teño a experiencia da primeira concentración que fixemos en Cee co Xacobeo despois daquel acontecemento negro do Prestige e o terreo pareceume espectacular, duro e ten o hándicap do clima, pero a iso os galegos xa estamos máis que acostumados.

-¿Vense as cousas de maneira diferente dende a bicicleta?

-Na bici tés un contacto cos elementos que o coche non che dá. Eu tamén son moi afeccionado a facer percorridos en coche pero a bicicleta é outra cousa, as estradas sófrense pero tamén se disfrutan. Ten esa maxia como deporte que á xente lle aporta tantas cousas. A min dáme ese contacto que necesito.

-¿Este achegamento deulle para facer amizades na comarca?

-Sobre todo a través desta proba vés máis aquí, estás en contacto con moita xente, relaciónaste... Agora son a cabeza visible dunha empresa de servizos deportivos. Realmente nós non somos organizadores, prestámoslle os servizos a concellos e demais. O único que organizamos integramente é o Gran Fondo Ézaro, quizais porque sempre tivemos ganas de facer unha proba ciclista e, xa postos, dixemos: imos facer unha como Deus manda. Iso leva un traballo de todo o ano. De feito, aínda non pasou esta edición e xa estamos preparando a seguinte. Suponche vir aquí, falar coa xente... Eu que sei. Por exemplo coa Garda Civil de Tráfico de Corcubión, coa que temos unha relación magnífica, con empresas, concellos... Atopas ata unha idiosincrasia propia da xente de cada sitio que os fai unidos en moitas cousas

-¿Se tivera que elixir un lugar concreto da zona: unha praia, unha paisaxe... con cal se quedaría?

-Fisterra é impresionante e, por suposto, O Ézaro. Cada día que veño gústame máis e descubro algo novo. Pero para min o Cemiterio dos Ingleses ten algo, chámalle forzas telúricas, maxia, será por toda a traxedia que alí se viviu, pero ten algo diferente. Toda esa zona de Vilán, en Camariñas, transmíteme cousas.

Os detalles

-Un sitio para comer. ¿Podo dicir dous? As Pías (Olveiroa) e o Insua (Cee), aínda que hoxe estamos comendo no Mar e Terra (O Ézaro) e aquí tamén se come moi ben, todo hai que dicilo.

-Un menú. ¡Ui!, eu son máis ben de peixe de cortello, para min o maior manxar son uns ovos frixidos con patacas, pero aquí hai moi boa carne, nas Pías, por exemplo, cómese moi boa carne.

-Cervexa ou gintonic. Viño, eu son de viño e chamoume a atención que aquí a xente é máis ben cervexeira, por iso me encanta cando atopo así algún sitio no que teñen uns cantos viños raros.

-Hora do día para subir a O Ézaro. Buff, non sei. Supoño que calquera hora do día é boa e ten as súas cousas diferentes. Eu quizais escollería a tardiña, porque me relaxa, dáme certa tranquilidade, pero penso que cada unha ten o seu. De feito a noite tamén está moi ben, é moi interesante.