Que non paguen xustos por pecadores

Manuel Canosa OPINIÓN

CORCUBIÓN

16 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ante a agresión acaecida no porto de Malpica, tanto os meus compañeiros coma eu estamos totalmente en contra e pedimos que aos agresores se lles castigue coa máxima severidade posible. Pero me temo que estes acontecementos, concretos e puntuais traian consecuencias futuras.

Gustaríame facer un chamamento en defensa da pesca deportiva nos portos e en particular da nosa. Levo moitos anos, dende que era rapaz e xa pinto canas, pescando luras nos portos de Cee, Corcubión, Fisterra, Sardiñeiro, O Pindo… Actividade que me relaxa e axuda a loitar contra do estrés diario. É unha actividade que se realiza cando anoitece e apenas interrompemos as actividades pesqueiras dos portos xa que normalmente a esas horas os barcos non pescan.

Dependendo do día e, particularmente, as fins de semana, xuntámonos un grupo máis ou menos grande de afeccionados, e salvo algunha excepción, a nosa relación é cordial, de compañeirismo e nalgúns casos de amizade. Axudámonos uns aos outros, intercambiamos aparellos, roupa cando fai frío e moitas das veces comida e café, xa que pasamos moitas horas xuntos, e cando entre dúas persoas hai algún roce, nos mediamos para calmar os ánimos.

Nunca presenciei altercados graves ou enfrontamentos que non se puideran resolver falando como persoas adultas. No verán énchense os peiraos de turistas, xente nova que acompaña aos seus pais, e a pesar de pescar cóbado con cóbado, e de aguantar a súa inexperiencia, entendemos que o mar é de todos e se molestan moito con cambiar de sitio xa está. Non somos mafia nin somos mafiosos, e nos portos que nomeei nunca vin ningunha mafia. Tampouco somos delincuentes que haxa que botar de ningún sitio. Todo o contrario, o noso pasatempo é san, xera riqueza, pagamos licencias, mercamos varas, carretes, fío, poteiras, roupa e calzado de auga… Só en Corcubión e Cee hai catro tendas que viven da venta case exclusiva de material de pesca.

Espero que polo acontecido en Malpica non teñamos que pagar xustos por pecadores e se existe tal mafia que os xulgados e a Garda Civil adopten as medidas pertinentes para a depuración de responsabilidades, pero que non se tomen medidas que nos impidan pescar nos portos da comarca. Creo que o que aquí expoño pode facerse extensible ao 99 % dos pescadores de luras que, coma eu, pescan, en ratos libres, nos nosos peiraos.