O escintileo do Batallón Literario da Costa da Morte

marilar aleixandre

CORCUBIÓN

Xesús Búa

«Cando fun chamada a formar parte do Batallón, tiven a certeza de ser unha escritora da Costa da Morte»

29 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai quen di que existe a Costa da Morte e quen pensa que é produto da nosa imaxinación. Hai tamén quen cre as escritoras e escritores da Costa da Morte sermos un conxunto diferente, singular. Nesta idea o Batallón Literario da Costa da Morte, de vida escintilante entre 1996 e 1999, tivo un papel crucial.

Para min son cuestións de importancia xa que debín empeñarme en seducir unha lingua que non era a miña lingua nai, un país que non era o de nacemento. Claro que o nacemento é debido ao azar e, se eu escollín ser galega, é debido ao non menos cego amor. Mais unha cousa é como nos sentimos e outra como nos ven os demais. Cando fun chamada a formar parte do Batallón, tiven a certeza de ser unha escritora da Costa da Morte.

O 29 de xuño de 1996, atendendo á convocatoria realizada por Rafa e Miro Villar, xuntabámonos en Cee unha vintena de escritoras e escritores, entre eles María Lado, Estevo Creus, Xabier R. Fidalgo, Concha Blanco, Mónica Góñez, Modesto Fraga, Alexandre Nerium, Paco Souto, María Canosa, Suso Bahamonde, Xandra Tedín, Abel Méndes, Xaime Trillo ou Tomás Lijó. A meirande parte eran xente moi nova -a excepción eramos Concha e mais eu- e poetas. Nalgúns casos, como os irmáns Miro e Rafa Villar, posuían libros publicados e premiados desde comezos dos anos 90. Contaban, así mesmo, cunha traxectoria de activismo cultural a prol da lingua e a literatura galegas, fose en asociacións como Arre Sentelha!, de Vimianzo, Blas Espín, da Ponte do Porto e Un Medio, de Cee, fose en proxectos editoriais como Edicións do Dragón, que publicou fermosísimos cartafoles de poesía.

O Batallón organizou outros dous encontros, en Corcubión en 1997 e mais en Vimianzo en 1998, mais sobre todo, por entendermos que a poesía debía saír á rúa e ser recitada en voz alta, recitais. Recitabamos en lugares da Costa da Morte moi belos, o Castelo de Vimianzo, a Capela do Pilar en Corcubión, mais nos que, sobre todo en decembro, ía un frío, unha viruxe tremendos. No poema Sublimado corrosivo, de Mudanzas, aludo a estes recitais: «Desafiamos o frío no máis cru do inverno / recitando poemas / en decembro / acadamos o sublimado inverso / chuspindo as metáforas como fume / transformábanse en pedras de corisco / antes de estrelarse no chan»... 

Entre os recitais nos que as refachas de vento -tan desta terra, non en balde perto de Toba hai unha Porta Ventosa - ameazaban con levarnos, e a publicación de Mudanzas en 2007 transcorreron dez anos. Neste tempo, en grande parte debido ao Batallón, eu percorrín o camiño da narrativa á poesía. Pois hai doenzas contaxiosas, e a poesía pode ser unha delas.

Na revista do Batallón, Feros Corvos, publiquei por vez primeira uns poemas, que máis tarde acabaron formando parte de Abecedario de árbores. Xurdida dun grupo de poetas, media ducia do Batallón, Rafa Villar, Estevo Creus, Xabier R. Fidalgo, Modesto Fraga, Paco Souto e eu mesma, parte doutros colectivos como Chus Pato, Yolanda Castaño, Marta Dacosta, Chus Nogueira ou Emilio Ínsua, a editorial Letras de Cal publicou de 1997 a 2002 catorce libros, entre eles os primeiros de poetas tan relevantes como María Lado, Celso Fernández Sanmartín e Carlos Negro. Nas xuntanzas do comité editorial tivemos debates que axudaron a configurar un enfoque sobre a poesía distinto do existente en Galicia até entón, a facer oír a voz das poetas mulleres, un trazo novidoso da poesía dos 90. Por todo isto, eu teño unha grande débeda co Batallón.

Se existe ese territorio que creamos coa imaxinación, esa costa onde a Morte non porta gadaña senón bicheiro, esas lagoas e xunqueiras, illas deshabitadas, montes nus, se non é só producto dun soño, a lingua é o mapa que nos permite transitalo, percorrer demoradamente a súa pel, nunha palabra, seducilo.

DNI. Marilar Aleixandre. Marilar Aleixandre é María Pilar Jiménez Aleixandre. Naceu en Madrid no ano 1947 e, como ela ben escribe, elixiu seducir unha lingua que non era a súa lingua nai: elixiu seducir o galego. Na súa faceta de escritora, ten destacado no eido da literatura para nenos e mozos, aínda que non só. A maiores, é catedrática na Universidade de Santiago. Dende hai ben pouco tempo, pois foi este mesmo ano 2017, é tamén membro da Real Academia Galega (RAG). No seu discurso de ingreso, estivo moi presente a Costa da Morte.