Liortas locais

Vicente de Lema ONDA MAINA

CORCUBIÓN

04 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En Cee e Corcubión está de costas en vez de pórse de cara. No canto de compartir, gastan cartos en infraestruturas ás que logo non lle dan sacado o rendemento que se debería. Cadansúa casa da cultura, cadanseu polideportivo, cadanseu campo de fútbol, cadanseus colexios, se un ten centro de día o outro tamén o quere, e así andan. Se souberan poñerse de acordo, estarían servidos e terían moitas máis prestacións. Co cal serían máis ricos porque aforraríanlle moitos máis cartos aos seus respectivos concellos. Agora a liorta de fondo é o centro de día. Corcubión ten un, pero está pechado. Cee ía en camiño de ter outro, pero as desgrazas políticas nunca veñen soas e co cambio de alcaldía a nova infraestrutura voou. Logo terían os dous pechados ou un pechado e outro aberto, segundo lle cadrase. O normal sería que primeiro encheran un e, logo, cando non houbese sitio fosen polo outro, pero non. E incluso se fala de pedir unha residencia para a terceira idade. Agora que veñen as eleccións, os políticos xa saben que prometer en Cee. É un boa brinca para pescar votos. «Xa estamos fartos de realidades, queremos promesas», rezaba unha célebre pintada arxentina. O coidado das persoas maiores debería ter outros horizontes. Hai uns días, Malin Svensson, conselleira comercial de Suecia en España, e Ebba G. Huelt, da Axencia sueca para o fomento da exportación, falaban dos novos vieiros polos ha de circular o futuro da atención á terceira idade. Segundo dicían, as persoas maiores teñen dereito a unha vida digna e independente. No que non falaban era de liortas localistas.