Vergoña allea

Luis Romero TRIBUNA ABERTA

CORCUBIÓN

«Nin o concelleiro que renunciou a súa acta nin o que subscribe nos fraquea»

17 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de ler o escrito da candidata do PP en Corcubión para as vindeiras Eleccións Locais, teño unha rara sensación, a sensación de avergonzarse por alguén cando o interesado non o fai. Nin o concelleiro que renunciou a súa acta nin o que subscribe nos fraquea, polo momento, a memoria, sen embargo a vostede parece que si, xa leva algún tempo dando sinais de que só lembra o que lle convén, pero esa é outra historia. O rancor e a frustración polo momento non teñen cabida no PP de Corcubión, polo menos no que atinxe a nosa parte. Chámelle ás cousas polo nome e asuma que outra vez máis fixo gala do seu autoritarismo tratando de impoñer unha candidatura flexible e idónea a súa vontade cando se lle propuxeron outras alternativas. Acórdese do seu célebre «Aquí mando yo», isto si, coido que ven a ser chantaxe e imposición.

Sabe coma min que a soberbia é un pecado capital e en política os pecados capitais non teñen penitencia, vaise directamente o inferno do esquecemento. Lembre, espero que sexa capaz, que dentro do PP de Corcubión vostede non é mais que unha candidata, que está diante por que outros estamos detrás, que repite como cabeza de lista por cuarta vez, obtendo nas anteriores eleccións uns resultados máis que discretos, como algún órgano executivo provincial nolo recordou en certa ocasión, ten que lembralo, estaba á miña beira.

Non se confunda, nin trate de confundir, ninguén torpedea a ninguén, a humilde labor do PP en Corcubión da que tanto presume é cousa de moitos, labor na que eu mesmo levo varios anos involucrado. Cando vostede chegou o PP de Corcubión algúns xa estabamos aquí e probablemente seguirémolo estando cando se vaia, así pois carece de toda lexitimidade para «recibir con los brazos abiertos» a ninguén, entre outras cousas por que aquí non houbo ningunha marcha.

No único que coincido con vostede é no de non perder tempo e seguir traballando para acadar a maioría, aínda que está complicada, para que nos vamos a enganar, por iso debería publicamente dicir alto e claro que vai a facer cos nosos votos despois do 24 de maio, só espero que non mercadee con eles como fixo no 2007. Xa para rematar querida candidata, acépteme un consello, déixese de servilismos a sinistras personaxes as que pouco lle importa Corcubión e de «dimes y diretes» e póñase a patear as rúas e falar coa xente dos seus problemas, coido que vai sendo hora.