García Liñares: «O Cerceda é moito máis rendible en Segunda B que en Terceira División»
CERCEDA
«Había que buscar unha solución para o club despois de 28 anos competindo ao máximo nivel», apuntou o rexedor
09 jul 2017 . Actualizado a las 17:57 h.José García Liñares (Tordoia, 1951) podería estar xa xubilado pero non ten pinta de que iso suceda. Ao alcalde de Cerceda dende 1995 gústalle estar en primeira liña de batalla. Ademais de rexedor leva Deportes na Deputación da Coruña e, como non, fai o que sexa polo seu amado Cerceda de fútbol. «Aínda que son moi crítico co equipo cando non o fai ben», matizou.
-Vaia a que se montou estes últimos días co club.
-Non hai que dramatizar. O Cerceda precisaba, e falo como socio, dun cambio despois de 28 anos competindo ao máis alto nivel, 23 deles en terceira. Chegamos a xogar doce liguiñas de ascenso e case sempre xogamos rematadamente mal. Cun orzamento de 240.000 euros tiñamos que pensar noutros obxectivos. ¿Compensa planificar e investir nunha tempada para seguir en terceira outro ano máis? Non tiña sentido. Na asemblea de hai uns días falouse de descender e, incluso, de disolver o club, pero creo que habería que esperar a que houbese unha asemblea máis multitudinaria para falar de temas tan delicados.
-Falaba dunha débeda de 62.000 coa Deputación.
-Non é unha débeda. O club non ten débeda con ninguén. A Deputación reclama esa contía por unha subvención concedida no seu momento de 18.000 euros e hai que pagala. O que se falaba era de si era interesante manter un orzamento de 240.000 euros para estar en terceira. Todos contabamos que o Boiro pagaría...
-Pero non o fixo.
-E abriuse outro escenario. O de ascender a Segunda B.
-¿Xa teñen os 133.000 euros para comprar a praza?
-Ingresáronse na conta do club para facer fronte o pago este luns.
-¿Quen puxo o diñeiro?
-Alguén.
-¿E ten nome ese alguén?
-Si, pero non o podo dicir. Podo asegurar que eses cartos non saen nin do Concello, e polo tanto dos veciños, nin da Deputación, nin dos empresarios nin dos comerciantes de Cerceda. Había catro ou cinco opcións e escolleuse a máis beneficiosa.
-Fálase do Club Deportivo Lugo.
-Xogará un papel clave esta tempada. Cederanos algúns xogadores e será un piar importante.
-¿É rendible o Cerceda en Segunda B?
-Moito máis que en terceira. So en axudas son 200.000 euros, cun orzamento de 400.000-450.000. O pasado ano o orzamento do Cerceda superou os 240.000 euros. Temos que pagar eses 133.000 euros a maiores e abonar parte dos 62.000 da Deputación, pero o club é viable.
-Falando de deportes. ¿Como leva a súa área na Deputación?
-Estou contento. Iniciamos o mandato con pouco máis de catro millóns de euros e este ano temos oito millóns, case o dobre. Aumentamos as axudas aos clubs de fútbol profesional e afeccionado, levamos máis actividades ca nunca, como a Copa Deputación de fútbol feminino, e temos dúas iniciativas importantes entre mans: a entrega de 33-35 vehículos a clubs de piragüismo e remo e dotaremos a cada concello de dous desfibriladores.
-Agora que fala de piragüismo. ¿Como vai o tema do lago das Encrobas?
-Esperamos que o lago pase a ser de dominio público hidráulico en maio do ano que ven. Logo queda negociar con Fenosa o reparto dos terreos e acometer un investimento de 4 millóns de euros en facer unhas instalacións deportivas e unha pista na auga. Tanto Xunta como federacións deron o seu visto bo, pero todo iso queda por materializar.
-Sempre quedará o Aquapark.
-É un complexo xa consolidado dende hai moito tempo. Este ano tivemos un mes de xuño espectacular. Agora o tempo non acompaña, pero estamos contentos.
-Ademais do emprego que xera.
-Falamos de 51 directos, pero tamén hai que falar dos indirectos. Porque o que vén ao Aquapark merca o pan, vai aos restaurantes e cafeterías, bota gasolina ao coche, ademais de vir autocares cheos de escolares todos os días.
«¿O futuro? Se digo que marcho e non o fago, minto. E se é ao revés, tamén»
José García Liñares non solta prenda sobre se ao rematar este mandato deixa a cadeira de brazos da alcaldía: «¿O futuro? Se digo que marcho ao final de mandato e non o fago, minto. E se é ao revés, tamén.
-¿E dos que vive o momento?
-Si. Non me preocupo polo futuro. Cando chegue tomarei unha decisión.
-¿Ese futuro pasaría pola presidencia do Cerceda?
-Non, axudarei ao Cerceda en todo aquilo que poida. Quéroo moito, pero o de ser presidente téñoo claro que non o serei.
-Hai quen di que quere máis ao Cerceda que ao Concello.
-Non é certo. Ao Cerceda quérolle e axudareino sempre que poida, agora como alcalde e cando deixe de selo. Pero o Concello é a miña vida. Son o que son grazas ao Concello e aos veciños que me escolleron para que os representara. Fóra do que é a miña familia, os meus fillos, o Concello é o que máis quero na vida.
-Sempre pelexou, contra vento e marea, por Sogama e, agora, pola súa ampliación.
-Somos un Concello pequeno e Sogama foi, é e será sempre un piar fundamental na economía de Cerceda. Xerá moitos postos de traballo e os que creará no futuro coa ampliación. Estou satisfeito de lograr que Sogama medre en Cerceda. Ao igual que a central térmica. Pero Cerceda é o que é tamén grazas as empresas do Acevedo. Teño a ilusión de recuperar aquelas taxas de paro que tivemos en épocas de bonanza, cando roldaban o 4,5-5 % de desemprego.