«O obxectivo é acadar unha taxa de paro do 4,5 %»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

Ana García

O alcalde de Cerceda, José García Liñares (Tordoia, 1951), suma xa seis maiorías absolutas. Leva de rexedor dende 1995

01 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Cerceda, José García Liñares (Tordoia, 1951), suma xa seis maiorías absolutas. Leva de rexedor dende 1995.

-¿Que balance fai?

-Creo que foi positivo. Acometéronse moitas obras, algunhas delas moi importantes e o Concello dedicará este ano en torno aos tres millóns en investimento real para os veciños.

-¿Segue sendo a súa prioridade a xeración de emprego?

-Si, o noso obxectivo é acadar unha taxa de paro do 4,5 % que tiñamos hai dez anos.

-¿Como pensa conseguilo?

-Seguimos buscando solo industrial. Temos xa outros 1,7 millóns de metros cadrados para ampliar no Acevedo en diferentes fases e creo que temos que seguir por ese camiño. Ademais, neste mes poremos en marcha o viveiro de empresas, que suporá un reforzo a maiores para as empresas de Cerceda. Temos moitas esperanzas postas neste viveiro.

-¿Cales son as súas prioridades para o que queda deste mandato?

-Mellorar a rede viaria, acometer e completar novas fases de saneamento, sobre todo no rural, ampliar o polígono, aínda que sexa por fases, e rematar o PXOM.

-O plan xeral ten visos de ir para moito tempo

-Pero non é cousa do Concello. Nós estamos moi interesados en telo listo o antes posible, pero é moi complicado polas restricións urbanísticas e os trámites. Temos ademais o problema do Xalo. Reactivar o plan parcial suporía investir 6 ou 7 millóns de euros e nós solicitamos á Xunta desenvolvelo por fases. Estamos en negociacións para ver como se fai. E iso tendo en conta que os veciños do Xalo tamén terán que poñer cartos do seu peto.

-¿Pensou nalgún momento en dimitir pola causa aberta por la obra do estanque do xardín botánico?

-Non, nunca. Teño a conciencia tranquila de que todo se fixo correctamente e dentro da legalidade do que é a licitación e adxudicación da obra. O Partido Popular confunde a obra de execución do estanque do xardín botánico cunha obra de drenaxe a maiores que se tivo que facer porque o entorno onde se actuou é unha braña.