Rosalía de Castro recobra vida na Costa da Morte con exposicións e recitais poéticos

La Voz

CERCEDA

Son varias as actividades programadas na súa homenaxe

24 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A lembranza de Rosalía de Castro está estes días máis viva que nunca na Costa da Morte. Co gallo do 180.º aniversario do seu nacemento multiplícanse por toda a comarca o actos en homenaxe á poetisa. En Zas celebráronse o mércores e levaron ao colexios da capital municipal e de Baio a Os Quinquilláns cun espectáculo no que puxeron en escena varios relatos rosalianos, como Conto de Vidal e A pobriña que está xorda. Rosalía cobrou vida grazas a Tero Rodríguez e Lucho Penabade, que ademais viron como en Baio os propios rapaces se sumaban -por sorpresa para os intérpretes- ao espectáculo no recitado de Tecín soia a miña tea entoando o resto do poema. «Foi moi emocionante», explicaba onte Penabade.

Hoxe os versos de Rosalía de Castro escoitaranse en Cerceda coa lectura organizada polo Concello no salón de plenos a partir das 10.30 horas. Ademais, dous rapaces da aula de declamación da Fundación Pondal participarán nas escenificacións organizadas en Santiago pola Fundación Rosalía de Castro. En Fisterra haberá unha sesión de contacontos no salón de actos (19). En Muxía e na Laracha lémbrana con sendas exposicións nas súas bibliotecas e na de Ponteceso celebrarase mañá unha lectura colectiva (18.00).