«Moito falan o PP e o BNG. ¿Que fixeron por Cerceda cando gobernaron? Nada»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

José Manuel Casal< / span>

O rexedor insiste na súa política de investimentos tanto en obras como na promoción de emprego

28 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

José García Liñares (Tordoia, 1951) é un dos alcaldes máis veteranos da bisbarra. Accedeu ao cargo en 1995 e suma seis maiorías absolutas. Colleu todo tipo de ciclos económicos e afronta un novo mandato avalado por la maioría da veciñanza.

-¿Que valoración fai deste primeiro ano de goberno?

-Comezamos con actuacións en obras que quedaron pendentes do anterior mandato, como a que se levou a cabo na Baixa de Cerceda por medio millón de euros e outras tamén importantes aínda que, por contías, non parezan tan relevantes.

-A oposición fala de continuísmo na súa xestión.

-É certo, pero os resultados electorais están aí. Logramos dar estabilidade institucional ao Concello e dotámolo de infraestruturas importantes como o polígono do Acevedo, as melloras das comunicacións e a promoción do emprego. O pasado ano investimos en obras máis de dous millóns de euros e este ano rozaremos os catro. E todo iso sen o Plan Miner e, sobre todo, garantindo os servizos públicos aos cidadáns de Cerceda.

-Vostede insiste no viveiro de empresas.

-Estamos niso. Cremos que o futuro de Cerceda pasa pola xeración e consolidación de emprego. Temos unhas das taxas máis baixas de paro de Galicia. Andamos polo 9 por cento e o noso obxectivo é tratar de reducila nos vindeiros anos. Para iso, temos que habilitar solo industrial e favorecer a presenza de empresas porque é a forma que temos de xerar riqueza.

-Ademais ten o ?espaldarazo? das ampliacións de Sogama e as melloras na térmica.

-Este alcalde e o seu goberno apostaron sempre pola ampliación de Sogama. Sempre. Ao igual que defendemos que Gas Natural Fenosa seguira en Cerceda. Ambas continuarán aquí. Por certo, moito falan no PP e no BNG, ¿pero que fixeron eles cando gobernaron por Cerceda? Nada. Dedícanse a criticar, a dicir que non a todo, pero non aportan nada. Sogama quedará en Cerceda porque este alcalde apostou firmemente por Sogama cando todo o mundo falaba da planta en Ourense.

-¿Que proxectos ten para o que resta de mandato?

-Un dos principais é o plan xeral de ordenación municipal. Levamos retraso por unha cuestión de lindes con Carral, que xa está solventada, e con Tordoia, que o estará en breve. A nosa idea é que antes de que remate este ano estea aprobado o plan inicial para a súa exposición pública. O mesmo ocorre co plan parcial para o Xalo, que permitirá pasalo de titularidade privada a pública.

-¿Investirá o Concello os 6 millóns de euros en equipamentos básicos no Xalo?

-Iso é inviable. Temos que buscar fórmulas conxuntas cos veciños porque levar todo o que precisan e inasumible e non podemos contar coas axudas doutras Administracións para tratar de arranxar esas deficiencias nos servizo básicos.

JOsé García Liñares Alcalde de Cerceda

«O lago das Encrobas e o Aquapark serán os eixes turísticos do Concello»

José García Liñares ten claro que Cerceda non debe ser unicamente sinónimo de industria, polígono e investimentos en obras.

-¿Que propón a nivel turístico?

-Temos o Aquapark que é, dende hai anos, un referente de Cerceda a nivel de Galicia. Pero, sen dúbida, a posta en marcha do lago das Encrobas suporá un espaldarazo definitivo, ata tal punto que serán os eixes turísticos do Concello.

-¿Cando se poderá visitar o entorno da antiga mina?

-Estes días estamos a facer rutas guiadas cos veciños. Vexo moi complicado que se abra ao público este ano, pero, para o que vén, seguro.

-¿E o acordo con Limeisa para o reparto dos terreos?

-Estamos niso. Son optimista pero non podo adiantar nada ao respecto.

-¿Cre que son necesarios máis espazos verdes?

-Si, pero estamos nesa liña de traballo. Completamos o xardín botánico, temos a Aula da Natureza e o paseo fluvial. Agora queremos dotar dunha zona verde 20.000 metros cadrados de extensión ao polígono do Acevedo. Estamos neses trámites. Tamén queremos impulsar un plan de sendas.

-¿Cal é o futuro do Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico?

-O de albergar o futuro viveiro de empresas. Estamos niso. E, insisto, a obra non lle custou un só euro aos veciños de Cerceda. É un edificio que está aí para darlle uso. En todo caso sempre pode ser un complemento perfecto para o desenvolvemento económico, industrial e empresarial de Cerceda.