Mentres merendan os emúes

Ramón Vilar Landeira FÓRA DE COBERTURA

CERCEDA

MATALOBOS

22 may 2016 . Actualizado a las 22:44 h.

O domingo acabou a tempada futbolística e a min pilloume no zoo de Marcelle. Mentres andabamos entre wapitis, bisontes, capibaras e babuínos, o teléfono móbil mantíñame informado ao minuto. É o que teñen as relacións familiares 2.0, sobre todo dende que miña nai ten whatsapp. Aínda que nunca lle interesaron demasiado as cuestións balompédicas, por lle cumprir o gusto a meu pai de cando en vez acepta acompañalo a algún encontro.

-Estamos en Ordes vendo o partido.

O partido non era un partido calquera. O Ordes xogaba contra o Barco de Valdeorras e tiña que gañar si ou tamén para se manter na Terceira División. Todo correcto, miña nai non tiña dúbidas emocionais... ata que descubriu que se gañaba o Ordes era o Bergantiños o que caía ao inferno da Preferente. Por moito que viva no municipio de Cerceda e este pertenza á comarca de Ordes, miña nai é de Sofán. Non hai máis que dicir. Aí xa se produciu a separación futbolística. Mentres meu pai animaba o Ordes, ela era unha especie de infiltrada nunha bancada que se viña abaixo con cada lance do xogo.

-A xente aquí é moi brava... non sabes as que lle chaman ao árbitro.

Cando me chegou a segunda mensaxe andaba eu rodeado de avestruces e sitatungas. Non lle dei moita importancia, xa dixen que non vai moito ao fútbol. Contesteille á mensaxe cunha pregunta.

-¿E como vai o partido?

-Van empatados a ceros. Aquí a xente di que Calvo lle mandou un maletín aos do Barco para que se esforzasen.

Outro clásico, ás veces lenda, ás veces verdade. Os maletíns, ¿que sería do fútbol sen os maletíns cheos de billetes correndo dun lado para o outro? Claro, Calvo, o razoamento era lóxico (dentro da ?lóxica? futbolística, desculpen o oxímoro). Coma no vudú, os rivais sempre confabulan: incentivan contrarios, compran árbitros e ata lle botan meigallos ás pelotas para que non entren nas porterías.

O meu fillo maior miraba aparvado como un cachorro de oso pardo nadaba nunha poza, o pequecho intentaba atopar un lince boreal que descansaba entre as pólas dunha árbore. Outro whatsapp.

-Anuláronlle un gol ao Ordes, eu creo que a xente se vai ir ao árbitro. Sabes como vai o Bergantiños?

Ante tales noticias, optei por facer unha conexión en directo coa miña reporteira.Escoitei un enorme balbordo, unha chea de improperios e a miña nai esforzándose para facerse oír.

-¡¡¡Xa te chamarei, que aquí non se oe nada!!!

Cando xa andaba pola reserva de Marcelle dándolle de merendar a un emú, unha ave australiana omnívora de case 50 quilogramos de peso, chegou outra mensaxe anunciando o gol do Ordes. A cronista limitábase a informar do tanto e de que había xente que quería saltar ao campo. Tanta intriga fixo que ao chegar ao coche sintonizase a radio para escoitar os últimos minutos dos diferentes encontros. O Cerceda levaba unha malleira en Boiro e en Ordes, o árbitro, despois de expulsar dous xogadores do equipo visitante, pitaba o final do partido. O Bergantiños gañaba en Verín, pero a vitoria era insuficiente. Como nas nosas vidas diarias, no fútbol a alegría cambia continuamente de bando. De volta de Marcelle, paramos en Curtis collerlle uns bocatas aos rapaces. Atendeunos unha camareira de mediana idade, tiña un marcado acento brasileiro que se arrastraba co final da tarde. Non puiden evitar mirarlle o escote. Sobresaíalle un gran corazón rosa e unhas letras que se perdían entre a tea da blusa. Cando volveu á terraza, vin que tamén tiña tatuaxes nos brazos. Nun deles, gravado con tinta vermella e negra, aparecía unha áncora e dous remos. Ao seu redor estaba escrita unha lenda: S.C. Corinthians Paulista. 1910. Aí xa deixei de ler.