«No club, a media de idade é de 40 anos, iso di moitas cousas»

J.V. Lado CEE / LA VOZ

CEE

JOSE MANUEL FERREIRO

González quere que o Día da Bicicleta, que se celebrará o domingo en Cee, incida na seguridade e sirva para homenaxear aos ciclistas falecidos

19 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente do Club Ciclista de Cee, Antonio González Franco, que con 53 años é un consumado deportista e non só no ciclismo, participa no Día da Bicicleta de Cee, que organizan La Voz de Galicia e Radio Voz, dende os comezos hai 16 anos e aínda este domingo estivo na de Malpica. Quere que a xornada incida na seguridade e como homenaxe «aos que quedaron polo camiño»

-¿Foise para adiante ou para atrás nestes 16 anos?

-Para adiante si que vamos. Hai máis rapaces en bici, agora que collan aficción xa é diferente, porque nós no club cada ano temos dous ou tres novos. A media de idade é de 40 anos e iso xa di moitas cousas, tamén que a xente maior é máis constante. Non hai que botarlle a culpa nin aos rapaces nin a ninguén, simplemente cambiaron os tempos. Eu recordo a primeira bicicleta que tiven con oito anos e era o rapaz máis feliz do mundo. Agora ese xa non é o soño case inalcanzable, igual prefiren un cacho teléfono ou un consola.

-¿Por que a xente de BTT se está botando ás estradas?

-Tamén hai casos ao contrario, pero si que é certo. Eu fago as dúas cousas e estou moi contento con ambas, pero no monte o que menos pensas é que estás a facer ciclismo -hai xente que incluso di que non o é, pero iso ímolo deixar-, estás en contacto coa natureza e outras cousas, pero o ciclismo clásico, o de sempre, é forza e velocidade. Iso conséguese na estrada porque fas máis quilómetros en menos tempo e es quen de botar máis horas. Tamén hai momentos de relaxación e no monte tés que estar sempre pendente, en tensión, porque aparéceche unha pedra ou unha fochanca e vas ao chan. É máis esgotador física e mentalmente.

-¿Como se explica que o Día da Bicicleta manteña o éxito?

-Porque é un día lúdico no que non se che pide máis que dar un paseo. Os de 12-15 anos queren ensinarnos o que saben facer e os pequeniños tamén queren demostrar. O ano pasado un de sete anos non parou de pedalear nos 15 quilómetros. Cada un ten a súa motivación.

«Xa levamos case 30 mortos nas estradas cando esa é a media para un ano enteiro»

González está especialmente preocupado pola sinistralidade de este ano entre os ciclistas.

-¿Por que estamos a asistir a tantas traxedias nas estradas?

-Este ano está sendo o peor en moitos porque xa case levamos 30 mortos a estas alturas cando esa é a media para todo un ano, sempre por debaixo de 50, salvo un no que houbo 70 e agora non me acordo ben porque fora. Hai que ter en conta que hai moitísimas más bicicletas nas estradas e máis tráfico, pero tamén tivemos cinco ou seis accidentes seguidos nos que os condutores ían borrachos ou drogados e ademais déronse á fuga. Así que non sei, é un cúmulo de moitas cousas o que se está dando para que este sexa un ano moi negro. Por iso o domingo queremos incidir moito no tema da seguridade e tamén que sirva como un pequeno recordo da xente que quedou polo camiño, porque imos fartos de ver accidentes e mortes, aínda houbo catro esta fin de semana.