«O violín require traballo e moito tempo»

f. rodríguez / Á. p.

CEE

JORGE PARRI

A música ceense tocou coa Xove Orquestra de Galicia no Palacio da Ópera da Coruña

27 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Sara Fraga (Cee, 17 anos) o da música é cuestión de xenética. Filla de Fernando Fraga, acordeonista e director da Escola de Música de Cee, xa destaca co violín e o pasado día 16 tivo a ocasión de actuar na Coruña coa Xove Orquestra de Galicia.

-¿Como foi ese debut?

-Pois a verdade é que moi ben. Saín moi contenta e sentinme moi cómoda.

-¿Pódese dicir que tocar aí é como facelo na canteira da Orquestra Sinfónica de Galicia?

-Si, é un proxecto didáctico da Sinfónica de Galicia á que levan músicos que despois ao mellor si que chegan a tocar nela.

-¿Que se esixe para tocar coa Xove Orquestra de Galicia?

-Non é fácil porque preséntase moita xente tanto de Galicia como de fóra, e tamén de Portugal. Hai unhas probas selectivas nas que piden tocar uns pasaxes orquestrais e logo unha obra individual.

-¿Por que se decantou polo violín?

-Eu empecei moi pequena así que creo que máis ben non foi elección miña, senón dos meus pais. Hai que ter moita paciencia porque é un instrumento que require traballo e dedicarlle moito tempo.

-¿Como se fai para compatibilizar os estudos coa música?

-Non é doado, sobre todo este ano, porque estou en segundo de Bacharelato, pero sempre intento sacar un rato para o violín porque se o vas deixando despois nótase.