«Sempre me custou expoñer, era moi tímido para iso»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CEE

Unha ducia das súas obras pódense ver ata o día 31 deste mes na galería Stoupa de Cee

14 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Canosa Santamaría foi profesor no instituto Fernando Blanco de Cee durante 36 dos 66 anos que ten. Toda unha vida académica para este ceense que deixou, para xubilarse, no 2010. Na última etapa impartía clases de tecnoloxía, e o certo é que sempre se lle deu ben traballar en cousas nas que se puidese crear, ensamblar, manipular. Xa dende moito antes, de pequeno. Con 10 anos, aproximadamente, xa empezou a facer tallas ou pequenas esculturas, por exemplo cos dentes de cachalote da baleeira de ceense de Gures, que lle levaban os amigos. Estes días pódense ver algúns dos seus traballos máis recentes na galería Stoupa de Cee.

-¿En que consiste a mostra?

-Son doce pezas de madeira, de castiñeiro e caoba, e tamén de metal. Hai de todo: heráldica, unha imaxe da Virxe da Xunqueira, outra de creación propia, figuras xeométricas en metal... Son traballos que fun facendo ao longo dos anos, nas vacacións, no tempo de lecer. Dende hai dez, máis ou menos.

-¿Ten máis obra?

-Si, na casa teño unhas 15 ou 20 máis, moi variadas. Talla, marquetería, bustos... Un pouco de todo.

-¿Hai un estilo común entre todos eles?

-Ata agora facía traballos máis ou menos realistas, agora estou elaborando outros que vai por camiños diferentes.

-¿Ten claro o resultado final cando empeza?

-Nas realistas, si, pero nas outras, fago un esbozo co deseño, para gardar as proporcións, e ao final igual sae algo distinto do que tiña pensado.

-¿Pódese dicir que é autodidacta?

-Totalmente. Nunca estudei nada disto, non fun a ningunha escola de artes e oficios, nin nada. E tampouco tiñamos Internet para aprender. Tiña a afección dende pequeno e fun pouco a pouco evolucionando.

-¿Hai antecedentes familiares con esa vea artística?

-Non exactamente. Meu avó era carpinteiro, e meu pai, tamén, aínda que traballou tamén no estaleiro. Grazas a el aprendín a facer cousas, digamos que me foi metendo a idea. Restaurabamos mobles, traballabamos na casa. Mesmo os palillos do encaixe de bolillos, cos que traballaba miña nai, faciámolos nós, con madeira de buxo.

-¿E cando dá o paso de realizar eses traballos máis ou menos artesanais ou técnicos a outros máis artísticos?

-Foi un proceso, pero pódese dicir que cando empecei a facer tallas. Aló polo 1976, cando me casei, tiñamos unha habitación de madeira de castiñeiro. Eu tamén quería un crucifixo desa madeira, pero non o atopaba. E talleino. Á xente do meu entorno gustoulle como quedou e animáronme a facer máis obra. E fun facendo.

-¿Tamén expoñendo?

-Non, non moito, aínda que algunha si que houbo. A primeira fora no ano 1988, nunha mostra que se celebrara a canda a primeira feira do libro de Cee. E logo participei nalgunha actividade. Pero non mo plantexaba. Ademais, sempre me custou expoñer, era moi tímido para ese tipo de cousas. Pero chega un momento no que ves que tes moitas pezas na casa, e dinche que por que non as amosas, e acábalo facendo. Tamén inflúe que ves outras exposicións que hai por aí, e ao final, sae. Pois eu tamén, daquela.

-Tamén será satisfactorio.

-Si que o é, ver o traballo rematado, que se poda valorar.

-¿Seguirá tallando ou esculpindo?

-Seguirei. O último que fixen foi un busto da miña neta. E ando dándolle voltas á cabeza con outra cousa.

-Por certo, ¿que foi de todos aqueles dentes de balea?

-Pois estarán por aí, agora xa non se conseguen. Digamos que con eles empezou todo. Traíanmos, facía aneis, pedían que lle gravara as iniciais... E na casa teño algún dente desa época. E tamén teño un oído de balea, todo en óso. O curioso que ten é que se parece moito a un rostro humano.