«Cada vez cúrase máis cancro»

f. Rodríguez / p. blanco CARBALLO / LA VOZ

CEE

marcos míguez< / span>

Intervén hoxe en Cee cunha conferencia dentro do programa «O mes da Fundación»

22 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Fernando Blanco de Cee segue adiante coas actividades do programa educativo-cultural O Mes da Fundación. Hoxe será unha xornada especial. Primeiro, pola ofrenda floral na honra do benefactor que lle dá nome á fundación (19.00) e, despois, pola conferencia de Alfonso Mariño, director médico do Centro Oncolóxico de Galicia (20.30, Casa da Cultura). O 1 de outubro cumpriu un ano neste cargo. A intervención leva por título Prevención e innovación no cancro: Mariño falou onte en Radio Voz.

-¿Cal é o seu cometido como director médico do Centro Oncolóxico?

-Ocúpome de coordinar as actividades médicas do centro, actividades de consulta, nas plantas, coordinar os médicos co resto do persoal sanitario... É un labor que, cando un xa leva tempo nisto, trae aprendido dos seus predecesores.

-Falamos do cancro, unha enfermidade que asusta, pero na que medra a esperanza de vida.

-Si, cada vez o número de pacientes con cancro que se curan son máis. Cada vez cúrase máis cancro. O motivo fundamental é que cada vez se detecta ou se diagnostica de forma máis temperá, máis precoz. Así evítase que o cancro se disemine polo corpo, que é o gran problema desta enfermidade, a metástase. É cando o cancro é máis difícil de curar. A investigación, ademais, non para. Saen novos fármacos, melloran as técnicas cirúrxicas e de radioterapia e despois tamén é certo que a xente cada vez se coida máis. Os hábitos de vida cambian. Todo iso, pois, inflúe para a cifra de curación mellore.

-¿Algún consello para previr?

-Fundamentalmente, hai unha serie de consellos que xa a OMS divulgou no ano 2012. Cambiar determinados hábitos de vida, evitando factores de riscos coñecidos e comúns aos que estamos expostos a diario. O máis importante de todos é o consumo de tabaco. O exceso de peso, a inactividade física, unha dieta equilibrada, o consumo de alcol... Hai quen di que sen cousas así a vida é moi aburrida, pero hai que saber coidarse.

-¿Imos polo bo camiño? Cada vez hai máis xente facendo exercicio.

-É unha boa sinal, vese polas rúas. Eu vivo en Carballo e cando un sae a camiñar polo río, dende logo un paseo fermoso ao que invito a todo o mundo, vese cantidade de persoas en calquera época do ano, camiñando. É un exercicio san, que non esixe moito, tampouco gasto: só calzado cómodo, abrigo no inverno e fresco no verán. Media hora ao día, tres días á semana, diminúe o risco de moitas enfermidades. Non só o cancro. Hai enfermidades, aínda que soe duro dicilo, que matan máis que o cancro: problemas cardiovasculares, de corazón, accidentes cerebrovasculares... Tamén se poden previr facendo exercicio e evitando certos factores de risco, claro.

-Innovación. ¿Cal é o paso máis importante que se deu ata o de agora no tratamento do cancro?

-Houbo pasos importantes na mellora dos tratamentos coñecidos, pero agora están saíndo medicamentos inmunoterápicos, que o que fan non é actuar directamente sobre o cancro, senón descubrir as células tumorais que andan polo noso corpo, sacarlle ese disfrace que se poñen de células sás e ir contra elas. Isto é un avance importante, son tratamentos personalizados para cada tipo de tumor e doente. Logo están as terapias dirixidas, contra determinadas estruturas celulares que causan a diseminación das células do cancro. Medicamentos combinados con radiacións... Adiantouse, claro que se adiantou. Son fármacos que producen efectos secundarios, pero que sen lugar a dúbidas poñerán unha pica contra a enfermidade.

-Vén de ser o día contra o cancro de mama, un dos que máis esperanza de cura ten hoxe.

-Si, certo, e vén determinado pola preocupación que as mulleres poñen nisto [lembra Mariño que os homes tamén sofren cancro de mama, un 1 % dos cancros totais]. Estanse detectando tumores pequeniños, que case non pasan de milímetros. Cando se collen nese intre, a porcentaxe de curación é do 100 %. O malo é cando un se abandona. Se hai antecedentes familiares, débense facer os estudos aos 35 anos ou incluso antes se se nota algo. Se non, a partir dos 45 é unha boa idade.