D. Francisco en Mondoñedo

Antonio Reigosa

CEE

01 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Odon Francisco que eu coñecín era director e profesor de Historia no Instituto San Rosendo nos sete anos que alí pasamos os da miña quinta escolar, aínda que a min só me deu clase no convulso curso 1975-76. Daquela era un home recto, obsesionado coa disciplina e impacable á hora de sentenciar unha expulsión ou outro tipo de castigo. Presumía fachendoso de que o noso centro fose o máis limpo e pulcro do universo escolar. E érao; abofé!

As xeracións máis novas deben ter en conta que naqueles anos practicábase a separación por sexos, que a entrada e saída nas aulas imitaba ringleiras de inspiración marcial, e que todos os anos, cada 20 de novembro, eramos conducidos ata a Igrexa Nova por mestres uniformados de falanxistas para asistir á misa por José Antonio. Mais, tras a morte do ditador, todo comezou a mudar paseniñamente. Cóntanme, e cónstame, que o seu grande mérito vital foi o de irse acomodando á nova situación, con plena consciencia e convencemento. Unha proba da súa evolución ideolóxica (era especialista na figura de Pardo de Cela) é que chegou a identificarse coas correntes de opinión que consideran a este personaxe mito fundacional da nación galega.

50 anos nesta cidade

Don Francisco chega a Mondoñedo en 1953, logo dunha xa fructífera laboura profesional no Cee natal e en Villablino. Trae a encomenda de poñer en marcha o recén inaugurado Instituto. Desde entón intégrase plenamente na sociedade mindoniense, e en pouco tempo convertiuse nun dos grandes dinamizadores da vida cultural local. Promoveu revistas escolares, conferencias, exposicións, expedicións arqueolóxicas ? Foi alcalde desde febreiro de 1964 ata xaneiro de 1966, cargo ao que renunciou alegando necesidade de tempo para opositar a cátedra de universidade.

Da súa etapa de alcalde cóntanse numerosas anécdotas que, por outra parte son reveladores do seu carácter. Ao parecer multou, para escarmento do resto do vecindario, á muller que traballaba de serventa na súa casa por sacudir unhas sabas pola ventá.

Dirixiu o instituto uns 30 anos, desde os inicios ata a súa xubilación en 1985, e residiu en Mondoñedo uns 50 anos. Foi un historiador de mérito e un gran profesor. Déixanos publicacións imprescindibles para coñecer o noso pasado. Gañou o respecto e admiración de todos e todas, pois foi xeneroso coa cidade e coas xentes. Do don Francisco daqueles anos tardofranquistas ao Mayán das décadas finais da súa vida vai un mundo de evolución congruente e intelixente. Francisco Mayán amou Mondoñedo e Mondoñedo correspondeulle nomeándoo Fillo Adoptivo e Cronista Oficial. Merecíao!

* A. Reigosa: Cronista Oficial de Mondoñedo.