O Concello de Cee lembrará a Manuel María con exposicións, música, premios e teatro

La Voz

CEE

Os actos comezarán o xoves 12 coa apertura dunha mostra bibliográfica sobre o poeta lucense

05 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Cee xa ten listo o programa de actos cos que celebrará o Día das Letras Galegas e lembrará ao autor homenaxeado este ano, Manuel María. As actividades comezarán o xoves da próxima semana, día 12, coa apertura na biblioteca pública municipal Francisco Mayán dunha exposición bibliográfica sobre o poeta lucense, que poderá ser visitada ata o día 30 deste mes.

O martes 17, a Banda de Música de Cee ofrecerá un concerto no auditorio Baldomero Cores (19 horas) e un día despois (mércores 18, ás 18 horas), ese mesmo espazo da Casa da Cultura recentemente bautizado acollerá a entrega de premios dos tres concursos que organiza a biblioteca (o de literatura, que suma xa 25 edicións; o de cómic, que vai pola quinta, e o de marcapáxinas, que este ano alcanzou a ducia).
As tres últimas citas do programa estarán dirixidas tamén ao público escolar. O xoves 19 (auditorio, 11.30) Títeres Cascanueces representará Barriga Verde e o muíño da néboa, o venres 20 Glup Glub fará o propio con Catalina Lino Lina (11.00) e o martes 24 Leo Leíño pechará os actos das Letras Galegas cunha sesión de maxia cómica (11.00).